CAMBADOS ABRIRÁ A BIBLIOTECA O 18 DE MAIO SÓ PARA ESTUDANTES

CAMBADOS ABRIRÁ A BIBLIOTECA O 18 DE MAIO SÓ PARA ESTUDANTES

Redúcese o aforo ata un máximo de 26 persoas. Precisarase reservar praza previamente. Terán prioridade os estudantes universitarios, de segundo curso de bacharelato e cuarto da ESO.

Estableceranse quendas de 3 días por persoa, que poderán reducirse en función da demanda. Non se habilitará o servizo de consulta nos ordenadores. Tampouco haberá sala de lectura de prensa ata o remate do estado de alarma. O servizo de préstamo realizarase mediante o sistema de cita previa

A Concellería de Cultura de Cambados decidiu abrir a Biblioteca Municipal Luís Rei o vindeiro luns 18 de maio. Farao tendo en conta as medidas de precaución pertinentes, tanto no relativo ás medidas de hixiene coma no control de aforo e de acceso por parte dos usuarios e usuarias.

O aforo da biblioteca queda reducido ata un máximo de 26 persoas, que deberán reservar a súa praza previamente enviando un correo electrónico ao enderezo da biblioteca: biblioteca@cambados.es ou ao número de teléfono da mesma: 986 520008. Estableceranse inicialmente quendas de tres días por persoa á semana, que poderán aumentar ou diminuír en función da demanda existente. Terán prioridade os estudantes universitarios, de segundo curso de bacharelato e cuarto da ESO, que terán que aportar identificación persoal e acreditación da súa condición de estudantes. Non se habilitará o servizo de consulta nos ordenadores. Tampouco haberá sala de lectura de prensa ata o remate do estado de alarma.

O servizo de préstamo realizarase mediante o sistema de cita previa, de maneira que as persoas interesadas en coller prestado algún libro terán que notificalo previamente por correo electrónico ou comunicalo chamando ao número de teléfono da biblioteca. Unha vez comprobada a dispoñibilidade da obra, o persoal da biblioteca porase en contacto coa persoa interesada para facerlle entrega da mesma. Os libros devoltos polos usuarios e usuarias da biblioteca serán postos en corentena durante catorce días.

Ademais, a Concellería de Cultura, dirixida polo primeiro tenente de alcalde, Tino Cordal, advirte que as persoas que queiran acceder á biblioteca, logo de ter concedida a reserva do seu espazo, deben facelo provistos de máscara e guantes. Na biblioteca haberá xel desinfectante a disposición dos usuarios e usuarias.

A Biblioteca Municipal Luís Rei permanecerá aberta de luns a venres, en horario de 8:30 da mañá ás 14 horas, e das 15 horas ata as 20:30 da tarde. Entre as 14 e as 15 horas procederase a realizar a limpeza e desinfección das salas habilitadas para o estudo. O sábado o horario será de 10:30 a 13:30.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.