O Concello de Cambados, a través da Concellaría de Servizos Sociais, é unha das institucións que facilitan a aprendizaxe de lingua se signos. Logo do éxito acadado no curso anterior, volve repetir a experiencia este ano. Así, o vindeiro 19 de outubro arrincará en ExpoSalnés o novo curso de lingua de signos, que se celebrará os sábados das 16.00 a 20.30 horas, e que se prolongará ata o mes de maio.
As prazas gratuítas están reservadas para as persoas empadroadas en Cambados. Aínda que as persoas non residentes no municipio cambadés poderán asistir igualmente ao curso pero aboando 20 euros ao mes. As clases terán unha duración de 1 hora e media, e o alumnado estará dividido en tres grupos: nivel inicial básico (das 16 ás 17:30 horas); nivel intermedio (das 17:30 ás 19 horas); e, grupo de non residentes (das 19 ás 20:30 horas).
Para inscribirse no curso de lingua de signos, as persoas interesadas deben dirixirse ao despacho de Consumo, situado no primeiro andar do Concello de Cambados.
O curso será impartido pola profesora Miriam Aller, da empresa Entresignos, e hai corenta prazas dispoñibles, segundo informou o concelleiro de Servizos Sociais, Tino Cordal. Ademais dos signos propiamente ditos, os asistentes terán oportunidade de coñecer aspectos da cultura das persoas xordas, que existe como tal, e as estratexias que se poden usar para favorecer a comunicación con este colectivo. O curso será de carácter eminentemente práctico.
Dia Internacional da Lingua de Signos
Segundo a Federación Mundial de Xordos, existen aproximadamente 72 millóns de persoas xordas en todo o mundo. Máis do 80 por cento vive en países en desenvolvemento e como colectivo, utilizan máis de 300 diferentes linguas de signos. As linguas de signos son idiomas naturais para todos os efectos, estruturalmente distintos das linguas faladas. Existe tamén unha linguaxe de signos internacional que é o que utilizan as persoas xordas en reunións internacionais e, de xeito informal, cando viaxan e socializan.
A convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade recoñece e promove o uso das linguas de signos. Establece que teñen o mesmo estatus que as linguas faladas e obriga as Administracións a que faciliten a aprendizaxe da lingua de signos e promovan a identidade lingüística da comunidade das persoas xordas.
O 23 de setembro celébrase o Día Internacional das Linguas de Signos, proclamado pola ONU en novembro de 2017. A data conmemora a creación da Federación Mundial do Xordo (World Federation of the Deaf) en 1951, organización non gobernamental que neste momento ostenta o carácter de órgano consultivo das Nacións Unidas e máxima autoridade mundial para a defensa dos dereitos e intereses das persoas con disfunción auditiva.
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas establece que o acceso cedo á lingua de signos e aos servizos nesta linguaxe, incluída unha educación de calidade nesa lingua, é vital para o crecemento e o desenvolvemento das persoas xordas e decisivo para o logro dos obxectivos de desenvolvemento sostible. Resalta tamén a importancia de preservar as linguas de signos como parte da diversidade lingüística e cultural.