CAMBADOS ABRE A PISTA DE XEO Á ESPERA DE PAPÁ NOEL

CAMBADOS ABRE A PISTA DE XEO Á ESPERA DE PAPÁ NOEL

O Parque de Torrado amplía a súa oferta de lecer coa pista de patinaxe

O Concello de Cambados abriu este mércores 22 de decembro a pista de patinaxe situada no Parque de Torrado, completando así a súa oferta de lecer deste Nadal 2021. O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, e a representante da directiva da asociación de comerciantes Zona Centro, Mariana Lorenzo, foron as primeiras persoas en calzarse os patíns. A pista de xeo estará aberta ata o día 8 de xaneiro, en horario de 11 a 14 e das 16 ás 21 horas. A sesión de patinaxe, dunha duración aproximada duns 20 minutos, ten un custo de 2 euros.

O máis inmediato agora na programación navideña cambadesa é a chegada o venres 24 de Papá Noël, quen visitará pola mañá as Casas de Cultura das parroquias a bordo do pavi-tren, co seguinte horario: 10:30 Corvillón, 11:30 Vilariño, 12.30 Oubiña e 13:30 Castrelo. Xa pola tarde, a partir das 16 horas, a comitiva de Santa Claus percorrerá as rúas do centro urbano. Ás 17.30 Papá Noël recibirá a nenas e nenos na Aldea de Nadal situada na Praza de Fefiñáns. En caso de chuvia esta recepción realizarase no Auditorio Municipal da Xuventude.

Dous días despois, o domingo 26, ás 19 horas, o Auditorio acollerá o Concerto de Nadal da Banda de Música de Castrelo, co aforo limitado a 200 persoas e a esixencia de presentar o certificado Covid para poder acceder ao interior do mesmo.

Ao día seguinte, o luns 27, instalarase na porta da Casa Consistorial a caixa de correo para a recepción das cartas dirixidas aos Reis Magos, que serán respondidas polas súas maxestades mediante a emisión dun vídeo o vindeiro 5 de xaneiro.

O Concello de Cambados mantén, polo de agora, o resto da programación de Nadal, aínda que estará pendente da evolución da pandemia e das posibles restricións que nos próximos días poidan decidir a Xunta de Galicia ou o Goberno central.        

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.