O Concello de Cambados abre o prazo de inscrición a partir do martes 30 de xuño, para todas aquelas familias que desexen acollerse á ludoteca de verán que se vai poñer en marcha, como servizo de apoio á conciliación da vida familiar coa laboral. A ludoteca funcionará dende o 6 de xullo ata o 4 de setembro, en vésperas do novo curso 2020-21, cun prezo de 60 euros por alumno.
As familias interesadas neste servizo deberán cubrir os datos dunha solicitude e presentala no rexistro do Concello en horario de 9 a 13 horas ou ben a través da sede electrónica do Concello de Cambados. Como novidades neste ano, e devido aos protocolos de seguridade do COVID-19, a ludoteca de verán vaise facer en pequenos grupos de quince nenos e unicamente nos centros culturais das parroquias de Cambados (Casas de Cultura de Corvillón, Vilariño, Oubiña e Castrelo) e neste ano non se vai prestar o servizo de comedor.
Para facer o servizo máis eficiente, esixirase ós pais dos usuarios un certificado de empresa ou documento que acredite a necesidade de empregar a ludoteca de verán, aínda que tamén se atenderá as peticións nas que as circunstancias familiares así o esixan como ter persoas maiores a seu cargo, atencións médicas continuadas, ou circunstancias familiares doutra índole que amosen a necesidade deste servizo. O Concello, facilitará os medios necesarios de seguridade e deseñará un programa de actividades para os máis cativos.
De 8 a 14 horas nas Parroquias e en grupos de 15 nenos
As aulas para este servizo habilitaranse en catro casas de cultura das parroquias de Corvillón, Vilariño, Oubiña e Castrelo, e en grupos de 15 nenos como máximo por centro. Os rapaces desenvolven un amplo programa de actividades lúdicas, nun horario de 8 a 14 horas pola mañá. Isto permite que os pais e nais poidan acudir aos seus respectivos traballos deixando os seus fillos perfectamente atendidos por monitoras cualificadas.
Esta iniciativa municipal xurdiu coa intención de responder a unha necesidade que afecta a numerosos pais e nais de familia, e este ano debido aos protocolos de seguridade do COVID-19 vai sufrir unha pequena modificación tanto no formato coma no lugar de realización da mesma, de forma que se poida priorizar a seguridade dos nenos asistentes a Ludoteca de verán. Os beneficiarios adoitan amosar a súa satisfacción por este servizo que lles permite conciliar a vida familiar coa laboral durante o verán, xa que non tiñan con quen deixar aos seus cativos.