Bioloxía, Mediciña e Patrimonio integran o programa formativo de Camiños de Coñecemento e Experiencia en Cambados

Bioloxía, Mediciña e Patrimonio integran o programa formativo de Camiños de Coñecemento e Experiencia en Cambados

As Plantas Medicinais, os Insectos e a Carta Xeográfica de Galicia de Domingo Fontán protagonistas do Ciclo da Universidade de Santiago en Cambados

Unha nova edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia chega á Cambados a comezo do vindeiro mes de maio. O concelleiro da Cultura, Tino Cordal, xunto co edil de Patrimonio, Xurxo Charlín, informan de que esta sexta convocatoria posibilita que a veciñanza maior de 50 anos se forme en bioloxía, menciña, patrimonio e historia da arte seguindo a metodoloxía teórico-práctica con persoal docente vencellado co proxecto.

O seminario Para que serven os insectos?, a cargo de José Carlos Otero González, abrirá no día 3 de maio a impartición das materias e continuará no día 4 coa parte práctica co Obradoiro de Artrópodos, a cargo de Miguel Santamaría Cabezas.

No día 5 tocará aprender da man de Anxo Rodríguez Lemos con A carta xeográfica de Galicia de Domingo Fontán, cunha sesión practica programada para o día 9 de maio coa Interpretación da carta xeográfica de Galicia de Domingo Fontán.

E Pilar Riveiro López ofrecerá Plantas medicinais: aplicacións e usos no día 8 de maio, para levar ao terreo os coñecementos adquiridos coa sesión practica Recoñecer as plantas medicinais máis frecuentes en Galicia e os seus usos e aplicacións, no día 10 de maio.

As aulas desenvolveranse en horario de 16.30 a 18.00 horas, no Salón Peña. A matrícula é de balde e tramitarase na Casa do Concello, Dpto. de Recadación 1ª planta, co teléfono de contacto 986520902 extensión #771.