A Concellaría de Cultura e Ensino do Concello de Cambados ven de resolver as axudas ou bolsas de ensino municipais para este curso escolar, destinadas a alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade. Estas axudas tiñan como finalidade a adquisición de material escolar e transporte para aqueles alumnos e alumnas de Cambados que cursan estudos fora do noso municipio.
O total das solicitudes presentadas foi de 100, das cales 4 foron denegadas por non reunir os requisitos fixados nas bases desta convocatoria. Finalmente concedéronse 46 bolsas para alumnado de Primaria, 32 para alumnado de Educación Secundaria, 5 para bacharelato, 7 para Formación Profesional e 6 para alumnado de Universidade. A partida orzamentaria destinada para estas axudas foi de 13.180 euros que se repartiron en bolsas individuais que oscilaron entre os 105 € a menor e os 360 € a maior das axudas.
Agardamos que estas axudas para o ensino permitan ás familias cambadesas solventar parte das necesidades económicas que implica ter que cursar os diferentes niveis escolares e que de cara ó vindeiro curso as nais e pais de alumnos/as volvan a ter en conta esta posibilidade de axuda económica como parte do compromiso do goberno municipal do Concello de Cambados cos nosos veciños e veciñas.