Dende a Concellería de Cultura do Concello de Cambados estanse a preparar, unha serie de actividades extraescolares para os máis pequenos da casa, axudando así ás súas familias na conciliación familiar polas tardes. Dita programación iniciarase o vindeiro xoves 1 de outubro na Biblioteca Municipal Casa dos Fraga e as súas axencias de lectura nos centros culturais de Corvillón, Castrelo, Vilariño e Oubiña.
En todos eles ofreceranse actividades didácticas e lúdicas de xeito gratuíto (ata completar as prazas dispoñibles) nas que se reforzará o coñecemento de idiomas, a animación á lectura, o apoio extraescolar, talleres creativos e xogos, a informática e a navegación segura por internet. Ademais este ano nos centros culturais das parroquias volverán a ofrecerse clases subvencionadas de ping-pong e outros talleres cun pequeno custo como “Elaboración de creacións con trapillo”, “Artesanía en barro” e “Xadrez”.
Con respecto ás novidades na programación de actividades na Biblioteca Casa dos Fraga, cabe destacar as seguintes:”Taller de pintura” en outubro, novembro e decembro, “Taller de creacións con teares” nas vacacións de Nadal; “Taller de creacións con pel” en marzo; “Taller de Scrapbook” de marzo a maio; “Taller para a creación dunha personaxe de conto feita con la” a través da técnica do abatanado de la nos mes dos contos por excelencia; e “Taller de fotografía – Enfocando as Letras Galegas” xa en maio.
Por último cabe destacar, dado o éxito recabado nestes últimos anos, a continuación do taller de iniciación á cociña e de animación á lectura “Pequechefs de conto!” que volverá a realizarse no Salón de Peña, e a través do cal os nenos de outubro a decembro coñecerán contos e receitas típicas do outono.
A inscrición para estas actividades farase na biblioteca Casa dos Fraga do 18 ao 30 de setembro polas mañás de 9.00 a 14.00 horas, e a partir do 1 de outubro en cada centro cultural das parroquias.
Cabe destacar que outubro é un mes moi importante para as bibliotecas, dado que o 24, é o día de las bibliotecas, pero, ademais o 18, a biblioteca Casa dos Fraga, futura Biblioteca Luis Rei, cumpre o seu 5º aniversario nas novas dependencias, polo que están programados os seguintes espectáculos de animación á lectura para todos os públicos a través do programa da Xunta Ler Conta Moito:
-Contiario de Pablísimo
5 sesións de contacontos: 9 de outubro (Oubiña), 13 (Vilariño), 14 (Corvillón), 15 (Castrelo), 16 (Casa dos Fraga) ás 18.30 horas. No Contiario collen todo tipo de contos: contos que empezan ao revés, contos con moitos finais, fábulas, cantares de cego, contos minúsculos, adiviñas, contos-canción…
– Teatro Gazafelhos Contos de Lobo
O sábado 24 outubro, Día das Bibliotecas, asistiremos nunha sesión matinal no Auditorio Municipal ás 12.00 horas á contada dunha historia interactiva onde se mestura a maxia, o circo ou a hipnose… Dous personaxes dispares pero no fondo parecidos, acordan para contar historias onde aparezan lobos…