ACTIVIDADES DA DINAMIZACIÓN DA LECTURA DO PROGRAMA “LER CONTA MOITO”

ACTIVIDADES DA DINAMIZACIÓN DA LECTURA DO PROGRAMA “LER CONTA MOITO”

Un ano máis a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do programa Ler conta moito, pon á disposición da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia un catálogo de actividades da dinamización da lectura para que, segundo as preferencias e necesidades de cada biblioteca, poidan acollerse ao programa tras presentar un proxecto de cara aos vindeiros meses.

A biblioteca Municipal Luís Rei do concello de Cambados vén de conseguir máis de 4.000€ para levar a cabo de marzo a outubro un total de 16 actividades a prol da animación á lectura e a identificación das bibliotecas e axencias de lectura como espazos culturais e lúdicos.

Ditas actividades teñen en conta o calendario de celebracións e manifestacións culturais próximas. Deste xeito comezarán o vindeiro luns 21 de marzo cunha xornada pola mañá, ás 12 do mediodía, coincidindo coas vacacións de Semana Santa, uníndose á celebración do Día da Tradición Oral, da man dunha compañía asentada no Grove, Xarope Tulú, que virán facer pasar un rato agradable a todos os asistentes con “A falta de pan, bos son os contos”.

Xa en abril a programación focalízase na celebración do Día do Libro Infantil, xunto con outra data sempre tida en conta a do Día do Autismo. Este ano unirán ambas celebracións o 1 de abril coa compañía Barafunda e o seu espectáculo baseado na superación “Pepiña Maruxiña quere voar”. Ademais do 4 ao 8 do mesmo mes o contacontos Pablísimo percorrerá as axencias de lectura do municipio con “Mans”.

No mes das Letras Galegas e homenaxeando a Manuel María e ás irmandades da Fala que, este ano están de centenario, do     9 ao 14 de maio Trinke Trinke e a súa versión de Riciños de ouro visitarán todos os centros culturais. Ademais o 10 de maio pola mañá os colexios e institutos están convidados a gozar do mago Álvaro Murás e o seu espectáculo “Manuel María con maxia e música”. Do mesmo xeito o 18 de maio día do Centenario das Irmandades da Fala na Biblioteca Luís Rei A xanela do maxín representará  “A obra de Castelao en teatro de sombras” e o 21 de maio tamén na Biblioteca Luís Rei terá lugar unha sesión de Contos para bebés con Pavís Pavós.

Están igualmente proxectadas actividades para o verán e mesmo para outubro Mes das Bibliotecas.

Dende a Concellería de Cultura, Víctor Caamaño manifesta a súa satisfacción tras acadar dita axuda económica dado que supón un pulo importante para a biblioteca e as axencias de lectura municipais para levar a cabo o seu labor como dinamizadores da lectura a través de actividades lúdicas e creativas que implican a toda a familia e están baseadas na integración e a educación e valores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.