Dende de Concellería de Cultura do Concello de Cambados e dentro do programa, “Ler Conta Moito”, da Xunta de Galicia, ofertaranse varias actividades infantís e familiares para os vindeiros días. Con estas actividades preténdese promover a lectura entre os máis pequenos e pequenas, espertar o seu gusto pola literatura, estimular a sensibilidade, a imaxinación, a creatividade e o espírito crítico a través da narración dos contos e, singularmente, dos distintos xeitos de contalos.
Con esta intención a Concellaría de Cultura ten previsto organizar os seguintes espectáculos nas diferentes casas de cultura do Concello:
- “As historias viaxeiras”. “Kamishibai e teatro de papel” (do luns 17 ao 20 de setembro)
No centro cultural de Oubiña o luns 17
No centro cultural de Vilariño o martes 18
Na casa da cultura de Corvillón o mércores 19
Na casa da cultura de Castrelo o xoves 20
- “Contos para pasalo de medo”. “Carmen Domech” (do luns 24 ao 27 de setembro)
- “Lobo bobo”. “Elefante Elegante” (do luns 1 ao 4 de outubro)
Todas as actividades, especialmente destinadas ó público familiar, serán de balde ata completar aforamento e darán comezo ás 17.00 horas.
“Juste Kamishibai”, papel e teatro / CONTACONTOS E TEATRO DE PAPEL / AS HISTORIAS VIAXEIRAS
Sobre cartolinas, papeis e cartóns xogan cores, ilustracións, luces e voces levándonos a construír aparellos e obxectos que narran as historias viaxeiras. Achegándonos a paisaxes e escenarios onde as personaxes fannos partícipes das súas aloucadas aventuras.
Trátase dunha montaxe onde se narran e interpretan contos e lendas de todos os continentes así coma historias propias que teñen o obxecto de inculcar unha serie de valores positivos nos nenos sobre a natureza, o planeta e os seus habitantes a través das viaxes.
Fomentado nas historias valores e concienciación como o ambiental, cooperación, igualdade, creatividade e interese pola lectura.
As historias combinan a manipulación do teatro de papel tradicional xaponés (“kamishibai”), a técnica “emaki” (teatro lumínico tradicional xaponés a partir de pergamiños ilustrados) e “despregables pop-up”, mesturados con revisións persoais do teatro de papel español e francés.
“Juan Juste”
Artista multidisciplinar: ilustrador, guionista e contador de historias. Nos anos 80 estudou Arte Dramático, coñeceu o Kamishibai e namorouse da narración a través dos mundos oníricos creados con papel. Na actualidade é experto único en Galiza na técnica contacontos Kamishibai e teatro de papel contemporáneo.
“Compañia Juste Kamishibai papel e teatro” é un proxecto vivo e dinámico. Traballa con ilusión, con compromiso e con un profundo respecto pola cultura. As actividades e montaxes desenvólvense a través de dous piares fundamentais: a creatividade e a pedagoxía. Intentan difundir de maneira creativa, valores fundamentais para os nenos e nenas: o amor e o respecto polos demais, polos animais e pola natureza.
Trátase dun equipo pequeno pero namorado no seu traballo. Goza transportando a pequenos e maiores ó mundo dos soños, transmitindo de maneira creativa infinidade de historias e relatos, a maioría creados por eles.