MARÍA JOSEFA CACABELOS DOMINGUEZ, Concelleira do Grupo Municipal do B.N.G., e Concelleira-Delegada na Área de Medio Ambiente, Mar e Medio Rural do Concello de Cambados, en relación co Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia presenta, coa fin de que sexa tratado no vindeiro Pleno, o seguinte ACORDO DE GOBERNO:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.- O pasado día 3 de decembro publicábase no DOG o anuncio polo cal a Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Mar acordaba someter novamente a información pública o anteproxecto de Lei de acuicultura de Galicia, e anunciaba unha ampliación do prazo debido á reclamación do sector pola falta de información e da pequena marxe de tempo que había para poder estudar o documento e presentar as correspondentes alegacións.
Este anteproxecto de Lei, elaborado de costas ao propio sector, pretende segundo a Consellería do Mar sentar as bases para regular a denominada “nova actividade acuícola”, inclúe elementos clave que definen a aposta do actual Goberno por un modelo baseado na rendibilidade, e facilita zonas para a súa implantación facendo posible reducir as trabas burocráticas para que determinados investimentos se poidan localizar no patrimonio marítimo, maritimo-terrestre e de litoral dos galeg@s.
Así, na zona terrestre, determinados plans van gozar da condición de interese supra-municipal co cal se conseguirá que conten unicamente co visto bo do Goberno galego podendo prescindir de autorizacións e permisos de outras administracións con competencia en medioambiente, urbanismo, etc.
Este anteproxecto pretende a transformación do marisqueo a pé e a flote en acuicultura. Para elo partillará o modelo compartido das zonas de libre marisqueo podendo, de forma voluntaria e contando coa axuda de fondos FEMP, converterse en parques de cultivo colectivo ou individual, de xeito que se transformarán en persoas xurídicas con capacidade para desenvolver un proxecto produtivo onde disminúe o emprego, e aumente a tecnificación para primar a rendibilidade; sendo o modelo altamente competitivo e convivirá có modelo tradicional.
Nel apostase tamén decididamente polos proxecto intensivos de engorde de peixes. Non hai máis que darlle unha ollada ao orzamento da consellaría do Mar deste ano para ver a onde van destinados máis de 18 millóns de euros: seguro para as poboacións acuícolas, medidas de saúde e benestar animal, inversións produtivas en acuicultura, reconversión de sistemas de xestión e auditoría ambiental, prestación de servizos medioambientais, etc.
Medidas que pretenden garantir a seguridade das poboacións cultivadas, mellorando o control de enfermidades coa utilización de barbitúricos menos agresivos, evolucionando a calidade dos pensos e desenvolvendo liñas de promoción para rebaixar a mala prensa do peixe de granxa, intentando transformalo en produtos ecolóxicos.
Un novo modelo de acuicultura que non está pensado para diversificar o noso actual modelo e reforzar o reparto da riqueza e a mellora e calidade de emprego con ingresos máis dignos no sector da pesca ou do marisqueo, se non para facilitar a introdución de novos capitais que poidan aproveitar os nosos recursos pola súa alta produtividade.
Este anteproxecto está pensado para que no noso mar, se poidan introducir outros operadores (grandes capitais) para desenvolver un novo modelo acuícola intensivo, pensado na rendibilidade, coa utilización de pensos, produtos farmacéuticos, ocupación de zonas, etc onde prime o capital sobre a protección do medio ambiente, e o respecto ás zonas naturais.
O que evidencia, en definitiva, que unha vez máis o Goberno galego en vez de estar a protexer o noso modelo tradicional, que xera moito emprego, reparte horizontalmente a actividade e a riqueza, pilar fundamental do modelo económico de Galiza, está a colaborar para que outros operadores alleos se aproveiten dos nosos recursos naturais e estraguen o noso modelo produtivo e o noso patrimonio marítimo para que uns poucos poidan desenvolver actividades rendíbeis.
Este anteproxecto ven sumando críticas por parte do sector da miticultura, das mariscadoras a pé, e do marisqueo a flote, e son diversos son os colectivos que teñen mostrado o seu rexeitamento a esta proposta, e incluso algunha Federación Provincial de confrarías ten alertado ao conxunto do sector a demandar a retirada desta proposta por considerala que atenta contra o actual modelo de vida de moitos traballadores do mar.
Por todas estas razóns, se interesa do Pleno do Concello de CAMBADOS adopte acordo no sentido de rexeitar o actual Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galiza e solicitar a súa devolución á Consellería do Mar pregando ó mesmo tempo que non se inicie ningún outro anteproxecto sen antes dialogar cos sectores productivos e organizacións medioambientales directamente relacionados con esta actividade.