A nena que quería navegar

A nena que quería navegar

AUDITORIO DA XUVENTUDE DE CAMBADOS
MARTES, 15 DE MAIO
19:00h
Entrada Normal: 3.50€
Entrada Reducida: 2.50€ (pensionistas, xubilados, desempregados, estudantes, maiores de 65, menores de 18)

A Nena está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, e por iso foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos.

A Nena que Quería Navegar é un proxecto destinado a un público familiar, principalmente infantil de entre seis e doce anos. Nel tratamos un tema que nos preocupa e desacouga a partes iguais, e que tristemente cada pouco acapara as portadas de todos os xornais. Este tema é o acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”. Diversos estudos afirman que máis dun 30% de alumnos e alumnas dos diferentes ciclos de ensinanza sufriron algún tipo de acoso, e entre o 5% e o 10% padeceron acoso escolar grave con consecuencias psicolóxicas para as vítimas. Son sen dúbida unhas cifras moi preocupantes.

Este é un problema social ao que non lle debemos dar as costas e do que todos e todas somos responsables. Precisamos detectalo a tempo para corrixir as accións que converten en verdugo a un rapaz e en vítima a outro. Grazas ao teatro, e grazas ao seu poder educador, podemos traballar para minorar estas cifras.

A Nena que Quería Navegar conta a historia de “A Nena”, unha rapaza sen nome que farta de insultos, empurróns e illamento social, foxe da escola para non volver nunca máis. Na súa aventura, ou mellor dito, na súa desventura atopará ao Xeadeiro, un personaxe máxico e vital, que lle devolverá a autoestima perdida a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de conseguir todo o que nos propoñamos.

Traballar coa idea do reforzo positivo é unha das claves para previr o acoso escolar. Só un rapaz forte e cunha alta autoestima é quen de facer fronte ao acoso. Queremos que os nosos pequenos espectadores saian fortalecidos despois de asistir á representación de A Nena que Quería Navegar e teñan ferramentas para previlo.

Tentamos que cada proxecto ao que nos enfrontamos sexa único, especial e singular. Nesta ocasión para a creación do noso mundo onírico tomamos como referente o imaxinario de Tim Burton e en especial o seu libro de poemas “A Melancólica Morte do Rapaz Ostra” onde retrata con grande lirismo a nenos e nenas diferentes, solitarios e vítimas de acoso. Tim Burton é melancolía pero tamén é luz, cor, maxia e ilusión, e todo ese mundo tan particular está reflectido neste espectáculo. Un espectáculo optimista, colorista, emocionante, impulsivo, reflexivo, festivo e no que mesturamos varias disciplinas artísticas como o teatro de monicreques, o teatro de obxectos, as proxeccións, o teatro de sombras, música en directo e coreografías.

REDRUM

Redrum Teatro é unha compañía teatral creada no 2009 por mozos procedentes do sector audiovisual que nace coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega.

Apostamos por conxugar grandes valores da nosa escena con novos creadores cunha visión innovadora e arriscada. Entre as máximas da compañía está a posta en escena de espectáculos pensados para o público, primando a claridade na narración e un coidado deseño artístico.

A nosa primeira montaxe “A Pensión”, protagonizada por Rosa Álvarez, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa foi un éxito de público e  crítica.  Co noso segundo espectáculo “Moito Conto”, fixemos que gozaran nenos e maiores. Continuamos con “Curriculum Vitae”, unha comedia sobre a precarirade laboral protagonizada por Mónica García e Guillermo Carbajo. E na actualidade estamos a percorrer a xeografía galega con “Roedores”, un espectáculo familiar que trata sobre a igualdade de xénero, a comedia con denuncia social “Noiteboa” e preparando o seguinte proxecto familiar, “A Nena Que Quería Navegar”, unha comedia musical sobre o acoso escolar.