O salón de plenos do Concello de Cambados acollerá entre o 17 e o 28 de setembro a exposición “Sorrisos transformadores”, que poderá ser visitada entre as 9:00 e as 14:00 horas. O mércores 19, ás 11:00 farase un acto de inauguración no auditorio da Xuventude, coa presencia da presidenta de Deputación, Carmela Silva, e da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal.
“Sorrisos transformadores” é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (ARELAS), con fotografías de Noemí Chantada.
Baixo o lema “Respecta-defende-sensibiliza-iguala-vive-e deixa vivir” o proxecto busca a visibilización, sensibilización e naturalización do colectivo trans para promover a igualdade de oportunidades, o respecto á diversidade e o dereito a ser diferentes.
Esta iniciativa trata de prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e as identidades de xénero.
O proxecto “Sorrisos transformadores” comprende unha exposición fotográfica de visibilización positiva que inclúe imaxes de persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta, acompañadas dun texto que reflicte unha frase ou idea. De forma paralela desenvólvense diversas charlas informativas destinadas principalmente á comunidade escolar.