A EXCURSIÓN A ONS PARA MAIORES DE 60 ANOS ADÍASE AO DÍA 14

A EXCURSIÓN A ONS PARA MAIORES DE 60 ANOS ADÍASE AO DÍA 14

A Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, dirixida por Tino Cordal, organiza una excursión gratuíta a Ons para maiores de 60 anos. A excursión estaba prevista para este xoves 7 pero debido ás condicións meteorolóxicas adíase ata o vindeiro 14 de xuño.

O Concello alugou con esa finalidade un catamarán que sairá do porto de Tragobe ás 9:30 da mañá dese día. A viaxe de Cambados a Ons en barco dura aproximadamente unha hora e 15 minutos, co que se espera atracar no peirao desta illa antes das once.

Serán finalmente un total de 240 excursionistas cambadeses, logo de que se decidira alugar un catamarán máis grande trala ampla demanda existente, posto que en apenas uns días inscribíronse no Concello arredor de 260 persoas.

O xantar en Ons correrá por conta dos excursionistas, que poderán comer nos restaurantes existentes na illa ou levar a súa propia comida da casa. O regreso será ás 18:45, chegando a Cambados ás 20 horas.

A viaxe estará sufragada integramente pola partida orzamentaria para a Terceira Idade do Concello de Cambados.

A Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade entende que este tipo de actividades son moi beneficiosas para a saúde física e mental dos nosos maiores. Ademais, moitos deles terán unha oportunidade única para visitar Ons, unha illa que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas.