A DEPUTACIÓN IMPULSA A CAMPAÑA

A DEPUTACIÓN IMPULSA A CAMPAÑA

A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “esta actuación, que contribúe a desestacionalizar o turismo nas Rías Baixas, pretende difundir o enorme valor cultural que teñen estes espazos”

Carmela Silva deu a coñecer esta mañá a nova iniciativa titulada “Visitas singulares Rías Baixas: Cemiterios históricos” que a Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha para desestacionalizar o turismo na provincia. “A través desta acción singular – asegurou Silva – pretendemos ofrecer alternativas que se afasten dos estereotipos do noso destino porque o noso obxectivo é amosar toda a realidade e potencialidade das Rías Baixas”.

Ao respecto, a presidenta provincial asegurou que o “turismo de cemiterios está despuntando desde o ano 2015 debido ao grande valor que teñen estes espazos e a súa carga histórica. Así, o Consello de Europa recoñeceu, no ano 2010, como itinerario cultural unha Ruta dos Cemiterios Europeos”. Por este motivo, tal e como manifestou Silva, a institución provincial vai levar a cabo unha acción promocional de divulgación de seis cemiterios singulares da provincia de Pontevedra entre os que se atopan Santa Mariña de Dozo (Cambados), o Cemiterio dos Ingleses (Vilagarcía de Arousa), o de San Mauro (Pontevedra), Pereiró (Vigo), Eidos (Redondela) e Arcos de Furcos (Cuntis).

Máis polo miúdo vaise a desenvolver unha campaña de promoción dos cemiterios singulares da provincia de Pontevedra a través da páxina web de Turismo Rías Baixas e das canles do organismo nas redes sociais, poñendo en valor todas as accións turísticas que os propios concellos están impulsando para poñer en valor estes espazos. Esta acción de divulgación se completará coa visita ao cemiterio de Santa Mariña de Dozo, o vindeiro sábado 21 de outubro ás 18.30 horas, onde, tal e como informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, “faremos unha visita guiada antes dun concerto no Auditorio de Cambados do grupo Cómplices, co nome de “Claves líricas”, ás 20.00 horas, no que o grupo interpretará unha sembranza musical e poética sobre o poeta Valle Inclán”. Carmela Silva explicou que a razón de escoller Cambados é porque no cemiterio de Santa Mariña de Dozo está enterrada a nai e tamén un dos fillos de Valle Inclán.

Sobre o espectáculo musical, a presidenta provincial informou que Teo Cardalda musicou un total de once poemas de Valle Inclán nun proceso que durou dous anos e para o que Cómplices contou coa colaboración de Javier del Valle Inclán, un dos netos do escritor. O resultado, tal e como adiantou Silva, “é un espectáculo de preto de hora e media de duración con música, poesía e proxeccións”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer tamén as razóns polas que estes seis cemiterios forman parte da campaña “Visitas singulares Rías Baixas: cemiterios históricos”. Máis polo miúdo, o cemiterio de Santa Mariña de Dozo, declarado Monumento Histórico Artístico desde 1943 e incluído na Asociación de Cemiterios Singulares de Europa, conta no seu interior coas ruínas dun antigo templo do século XV de estilo “gótico mariñeiro”, sen teito, no que se poden contemplar os seus arcos, esculturas con representacións de escenas bíblicas, etc.

No caso de Pereiró, o camposanto máis extenso de Vigo, é coñecido polas súas esculturas, mausoleos así como por un coche fúnebre dos anos 30 en moi bo estado de conservación. Entre as esculturas, ten especial valor a dedicada a Concepción Arenal, modernista, obra do arquitecto Manuel Gómez Román; ou tamén o mausoleo dedicado aos soldados que morreron en Vigo tras ser repatriados de Cuba e Filipinas. Amais, aquí están soterrados o heroe da Reconquista Cachamuíña, o marqués Fernando Quiñones de León ou o ministro José Elduayen Gorriti.

Pola súa banda, o cemiterio de San Mauro en Pontevedra, obra de Alejandro Rodríguez Sesmero, o arquitecto artífice do Pazo da Deputación, conta no seu interior coa igrexa románica de San Mamede de Moldes, mausoleos como o de Ramiro Trapote, o do poeta Andrés Muruais ou os bustos de Eduardo Vicenti e Dolores Montero. Ademais, o panteón da familia Sánchez Cantón, cunha imaxe de San Francisco da desaparecida capela barroca dos Santos de Mollabao, ou o recinto civil no que se atopan enterradas persoas fusiladas no 36, entre elas Alexandre Bóveda.

No caso dos Eidos, Redondela, trátase dun espazo con panteóns de grande valor artístico realizados por canteiros da zona. A súa importancia tamén reside na pegada da emigración indiana e tamén da Guerra Civil, xa que contén unha fosa común na que foron sepultados 42 persoas republicanas, aos que ademais se lles dedica un monumento. Aquí atópase enterrado, entre outras persoas, o heroe da batalla de Ponte Sampaio John O’Dogherty.

Pola súa banda, o cemiterio de Arcos de Furcos (Cuntis) destaca por ser o único cemiterio subterráneo de Galicia. Foi construído nos anos 40 a cinco metros de profundidade porque non existía ningunha parcela axeitada para ampliar o antigo cemiterio da vila, e as veciñas e veciños de Cuntis colaboraron de maneira económica e tamén picando e trasladando granito

Ocupación hoteleira na ponte da hispanidade

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer os datos de ocupación hoteleira da pasada ponte que, segundo informou, “foron os mellores resultados dos últimos anos”. Ao respecto, Silva asegurou que a ocupación media provincial en establecementos hoteleiros entre o 12 e o 15 de outubro ascendeu ao 85%, doce puntos máis que o ano pasado, e ata o 90% naqueles con instalacións de turismo termal.

Por comarcas, tal e como manifestou a presidenta provincial, O Salnés tivo unha ocupación do 88,16%.  Neste caso, Silva engadiu que “en vilas da comarca, como O Grove, a ocupación chegou ao cheo absoluto, ao 100%, entre outras cuestións pola Festa do Marisco e tamén por ser unha das vilas con grande número de establecementos termais”.

A comarca de Pontevedra acadou unha ocupación do 88,67%, O Morrazo do 93,33%, Caldas do 90,30%, Vigo do 91,91%, O Baixo Miño do 68,5%, O Condado e A Paradanta superaron o 88% e Deza e Tabeirós-Terra de Montes rozaron o 68%.

En canto ao turismo rural, Silva tamén amosou a súa satisfacción xa que a porcentaxe chegou ao 70% de ocupación media na provincia de Pontevedra. Máis polo miúdo, O Salnés superou o 70%, Pontevedra o 81%, O Morrazo o 65%, Caldas obtivo o 78%, Vigo o 70%, O Baixo Miño rozou o 85%, as comarcas do Condado e A Paradanta o 44,36% e as de Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 55,38%.

Durante a ponte, a porcentaxe maioritaria de persoas que nos visitaron proviña de España (91,4%) e, en concreto, de Madrid, Zamora e Cantabria. O 43% tiñan entre 35 e 40 anos, aloxáronse en hoteis (70%) entre 4 e 6 días e viñeron motivados pola nosa oferta de ocio e a nosa cultura. En canto ás persoas estranxeiras (9%), proveñen, principalmente, de Reino Unido, Arxentina e Alemaña.