A Deputación de Pontevedra vai estudar as necesidades de climatización e mellora da cuberta da piscina municipal de Cambados, tras o encontro que mantiveron hoxe o deputado provincial de Cooperación, David Regades, a alcaldesa, Fátima Abal, e o tenente de alcalde, Víctor Caamaño.
Ambos os responsables municipais formuláronlle ao deputado provincial a necesidade de mellorar a cuberta e, sobre todo, reducir a súa altura para que os custos derivados da climatización de todo o espazo sexan menores que os actuais, moi elevados, segundo a alcaldesa.
Ante estas demandas, David Regades e os técnicos da Deputación mostráronse dispostos a facer un estudo sobre as verdadeiras necesidades de climatización da totalidade das instalacións para cumprir coa normativa vixente.
Ao mesmo tempo, o deputado provincial comprometeuse coas máximas autoridades municipais de Cambados a estudar a posibilidade de reducir a altura da nova cuberta da piscina, para evitar os altos custos que ten o mantemento da temperatura interior da instalación. Regades subliñou que, como co resto dos concellos, “a nova Deputación mostra sempre a máxima colaboración e dispoñibilidade, pero deben ser os técnicos os que indiquen as posibilidades reais das actuacións que nos piden dende o Concello de Cambados”.