Camiños, Festivais, Enoturismo e Excelencia serán os eixos de Turismo Rías Baixas 2017 baixo o lema “Moito por descubrir” e coas “matrioskas” como imaxe promocional.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, presentou no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a ambiciosa nova campaña de promoción do Destino Rías Baixas. Ao acto tamén asistiron sete alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia (Barro, Cambados, O Grove, Lalín, O Rosal, Sanxenxo e Tui), o xerente do Instituto Galego do Viño, Jorge Vila, e o representante dos Festivais Rías Baixas, Kim Martínez.
Esta nova campaña supón un paso adiante do Goberno provincial de Carmela Silva despois de que o pasado ano 2016 “cambiamos a forma de entender a promoción turística coa elección de campañas diferentes do que se fixo ata entón”, sinalou a Presidenta provincial, “rachando co binomio de praia e gastronomía, promocionando outras potencialidades do territorio ou achegándonos aos e ás visitantes a través de canles máis modernas e de vangarda”.
Carmela Silva presentou o novo lema das campañas promocionais do Destino Rías Baixas, “Moito por descubrir”, así como a nova imaxe promocional: as matrioskas, as bonecas rusas “que se van encaixando unha dentro doutra e explicarán este ano cales son esas razóns polas que merece a pena visitar o Destino Rías Baixas”, sinalou a Presidenta provincial. As matrioskas “crean expectativa sobre o que se pode descubrir nas Rías Baixas, o que albergan no seu interior”, isto é, “lugares e experiencias inesquecibles nunha terra que acolle con agarimo a todo quen nos visita”, afirmou Carmela Silva. A Presidenta asegurou que “estas bonecas transmiten unha mensaxe de amizade, acollida e descubrimento”, razóns da súa elección como imaxe, “todas elas distintas, unhas obras mestras que se amosan como nunha sucesión infinita, ao igual que infinitas son as razóns para vir ás Rías Baixas: un so destino pero con moitas razóns para visitalo”.
A campaña promocional do Destino Rías Baixas ten catro eixes principais: os diversos Camiños que transcorren pola provincia de Pontevedra, os festivais de música, o enoturismo e a calidade turística, “catro grandes activos culturais”, sinalou Carmela Silva, “cun impacto moi importante nunha grande parte do noso territorio”. A Presidenta provincial sinalou que “este ano mantemos e potenciamos os #RíasBaixasFests”, unha marca propia que logrou consolidarse en tan so unha campaña. Tamén presentou “Cruzando camiños”, o eixe que engloba todos os Camiños a Santiago da provincia (o Camiño Portugués, o Camiño pola Costa, a Ruta do Mar de Arousa, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e o do Pai Sarmiento), sinalou o enoturismo como pulo de atracción, en especial co nomeamento de Cambados como Cidade Europea do Viño, e a calidade turística como último deses catro grandes eidos, pondo en valor a calidade dos establecementos da provincia a través do distintivo Sicted. Carmela Silva sinalou que este ano “203 establecementos contan con este distintivo e como obxectivo deste ano temos chegar aos 250”. A Presidenta avanzou que “xa acadamos o 50% dese obxectivo pois nun mes de reunións, 22 empresas xa solicitaron a súa certificación”.
Deste xeito, os distintos eixes de actuación promocional convértense en “Razóns para Camiñar”, cos camiños como valor singular das Rías Baixas, “Razóns para Saborear” co enoturismo, cun produto de enorme calidade e en recoñecemento ao nomeamento de Cambados, e en “Razóns para desfrutar” cos #RíasBaixasFests e demais eventos culturais que se desenvolven na provincia de Pontevedra.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que “de pouco valería traballar nestas novas liñas se non facemos un maior esforzo en achegarnos a lugares onde queremos promocionar esta provincia” e, por iso, anunciou que a promoción do Destino Rías Baixas se vai presentar en catro escenarios: en Vigo este xoves 30, cunha gala de presentación, en Madrid o vindeiro 5 de abril, en Lisboa en maio e, finalmente, en Porto onde volverá o tren dos #RíasBaixasFests que xa fixo o percorrido Vigo-Porto o verán pasado.
Razóns para Camiñar
Carmela Silva sinalou que “un dos nosos pulos máis importantes de atracción son os Camiños, dos que temos media ducia de rutas que pór en valor porque tamén potencian aos nosos concellos”. O ano pasado preto de 65.000 persoas realizaron algunha das rutas de peregrinación que pasan por 33 dos concellos da provincia de Pontevedra.
O principal é o Camiño Portugués, que ten como referente Tui, o segundo punto de inicio máis importante de Galicia e do que o ano pasado saíron 15.000 persoas. O alcalde da vila, Enrique Cabaleiro, sinalou que “o Camiño serve para pór en valor o noso valor patrimonial, o noso casco histórico, segundo maior de Galicia, e fai que os e as peregrinas se convertan en embaixadores e embaixadoras de todo o que ofrecemos”. O Camiño pola Costa, aposta da institución provincial este ano en FITUR polo seu recente recoñecemento, tamén forma parte da campaña. O alcalde do Rosal, Xesús María Fernández, que acudiu en representación dos concellos do Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo, sinalou que “este camiño é moi novo pero é único, porque contén un patrimonio e paisaxes extraordinarias” e asegurou que “este turismo fai ao noso pobo moito máis grande”. A Deputación de Pontevedra tamén promocionará o Camiño Portugués polo Interior, que se une ao da Costa por Redondela e chega ata Pontecesures, pasando polo Porriño, Mos, Soutomaior, Pontevedra, Vilaboa, Portas, Caldas de Reis, Valga ou Barro, cuxo alcalde, José Manuel Abraldes, sinalou que “un concello como Barro, moi ligado ao camiño e ao viño, non podería promocionarse sen o apoio da Deputación de Pontevedra”.
Cara ao Salnés atópanse dúas rutas emerxentes, unha delas a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, que discorre por Sanxenxo, Meaño, O Grove, Meis, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa, Vilanova, Catoira, Valga e Pontecesures. O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, asegurou que “a promoción dos Camiños vai pór en valor todo o patrimonio da nosa comarca”. A outra ruta é a do Pai Sarmiento, que percorre Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Meaño, Cambados, Vilanova, A Illa, Vilagarcía, Catoira e O Grove. O rexedor meco, José Cacabelos, lembrou que “ao Pai Sarmiento ao facer o seu Camiño entroulle a curiosidade por descubrir o que había no noso territorio, e iso é o turismo de hoxe en día, o que nos leva a promocionar o noso medio ambiente, cultura, gastronomía…”.
Por último, xa na comarca de Deza, atópase a Vía da Prata, o segundo camiño máis visitado da provincia, que en 2016 percorreron 10.000 peregrinas e peregrinos. Nesta comarca conflúen a Vía da Prata (Dozón, Lalín e Silleda) e o Camiño de Inverno, recoñecida recentemente (Rodeiro, Silleda e Lalín). O alcalde de Lalín (pola que pasan os dous camiños), Rafael Cuíña, asegurou que “o Camiño de Inverno é un dos máis interesantes por ser o máis descoñecido”.
Razóns para Desfrutar: #RíasBaixasFests
Carmela Silva avanzou as novidades dos Festivais Rías Baixas deste ano, que pasan de ser sete a “8 máis 1”. O ano pasado asistiron máis de 200.000 persoas (un crecemento de entre o 10 e o 40%), crearon 1.500 postos de traballo e deixaron un impacto económico de preto de 15 millóns de euros.
Carmela Silva sinalou que “Nigrán seguirá tendo un festival Rías Baixas, o Vive Nigrán, aínda que PortAmérica este ano se celebrará en Caldas, porque Nigrán é territorio #RíasBaixasFests”. Ademais, “de forma puntual este ano, Cambados, pola súa Capitalidade Europea do Viño, será escenario dunha gran festa de peche dos Festivais Rías Baixas o 9 de setembro”, sinalou a Presidenta provincial.
Á marxe da música, este ano os #RíasBaixasFests teñen dous acenos de identidade transversais: a igualdade (mediante campañas contra a violencia de xénero e acoso sexual pero tamén de potenciación dos grupos femininos e a visibilización da muller neste sector) e o turismo sostible (campañas de concienciación e correcta xestión dos residuos, a través de campañas e da figura de voluntario verde). Carmela Silva agradeceu e recoñeceu a todas as persoas promotoras dos Festivais “por sumarse a que a igualdade e o turismo sostible sexan os seus sinais de identidade, estou segura de que nos vai situar aínda mellor polo feito de comprometernos con valores que teñen que chegar a toda a cidadanía”. Á marxe destes musicais, este ano a Deputación promoverá outros festivais desligados do campo da música xa que “a cultura é fundamental para un pobo, sen cultura non hai posibilidades de seguir avanzando”, asegurou Carmela Silva.
Razóns para Saborear
O enoturismo é outro dos eixos nos que descansará a campaña de promoción deste ano. “29 municipios teñen cultivos e actividade vitivinícola baixo a denominación de orixe Rías Baixas e a nosa cultura do viño soubo manter a tradición á vez que innovar en novas liñas de negocio”, sinalou Carmela Silva.
Como foco especial de atracción, Cambados ten o protagonismo ao ter acadado o recoñecemento de ser a Cidade Europea do Viño durante 2017. A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, sinalou que “este nomeamento é unha oportunidade única para darnos a coñecer internacionalmente a Cambados, ao Salnés e á provincia”. Durante este 2017 “desenvolveremos máis de 80 actividades vinculadas ao viño e ao enoturismo”, moitas delas ao abeiro do convenio de colaboración que a Deputación de Pontevedra asinou a semana pasada co Concello de Cambados.
Un destino de calidade, sostible e atractivo
Carmela Silva pechou o acto lembrando que “o número de visitantes do verán de 2016 que elixiron Rías Baixas creceu un 31% con respecto a 2015, cun total de 2,1 millóns de pernoitas”, pero “temos que avanzar en asistencia e tamén en desestacionalización e en calidade”. A Presidenta provincial asegurou que o motivo principal de viaxe ás Rías Baixas xa é a cultura, cun 27%, seguido do lecer (25%) e que preto do 60% non coñecían o destino, “por iso é tan importante que entendamos a promoción como unha prioridade”.
Carmela Silva sinalou que “temos un enorme potencial que nos sitúa e que nos consolida: dous albariños Rías Baixas clasificados entre os mellores do mundo nos premios Bacchus 2017 (Mar de Frades e A Troita), seis Estrelas Michelín ou tres das principais iconas fotográficas de Galicia (Rapa das Bestas, Santa Trega e as Illas Cíes)”. Por iso, asegurou a Presidenta provincial, “a nosa promoción ten tres grandes frontes”. O primeiro deles é promover un destino de calidade, “como acreditan os e as profesionais que traballan para mellorar e innovar a satisfacción das persoas visitantes”, entre elas os “203 profesionais e colectivos que recollerán o xoves o distintivo de calidade SICTED”. En segundo lugar, un destino sostible, “con espazos naturais xestionados conforme a códigos de boas prácticas: lecer combinado con protección ambiental e conservación e posta en valor dos nosos recursos”. Por último, un destino atractivo, “onde é compatible facer o Camiño con escalas nas nosas adegas, visitando os nosos monumentos de interese cultural ou gozando dun descanso nos nosos espazos termais”, asegurou a Presidenta provincial. Por iso, animou Carmela Silva, “témolo todo, así que saiamos a contalo”