A Concellería de Terceira Idade de Cambados organiza una excursión á Ribeira Sacra e aos Canóns do Sil

A Concellería de Terceira Idade de Cambados organiza una excursión á Ribeira Sacra e aos Canóns do Sil

A excursión realizarase o mércores 2 de outubro. A viaxe en autocar é gratuíta pero o xantar en Monforte e o catamarán polos Canóns do Sil corre a conta dos excursionistas cambadeses

A Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, dirixida por Tino Cordal, organiza unha excursión á Ribeira Sacra e aos Canóns do Sil para cambadeses e cambadesas maiores de 60 anos. A viaxe realizarase o vindeiro mércores 2 de outubro. O Concello alugou con esa finalidade dous autocares que sairán da Estación de Autobuses de Cambados ás 8:15 horas da mañá dese día.

Os autocares sairán de Cambados con destino a Monforte de Lemos. Alí teñen previsto visitar o Pazo de Tor arredor das 11 horas. Posteriormente, pasearán pola vila monfortina, onde xantarán nun coñecido restaurante. Logo, xa pola tarde, os maiores cambadeses seguirán en ruta pola Ribeira Sacra ata chegar á zona dos Canóns do Sil, que percorrerán en catamarán dende Doade. No camiño de volta, farán parada en Castro Caldelas, antes de regresar a Cambados, onde a chegada está prevista para as 21:45 horas.

A viaxe en autocar é gratuíta e estará sufragada integramente pola partida orzamentaria para a Terceira Idade do Concello de Cambados. O xantar custará 16 euros e a travesía en catamarán polos Canóns do Sil terá un custo de 4 por persoa.

As prazas para esta excursión son limitadas. Hai que inscribirse no Concello, no despacho de Consumo, sito na primeira planta da Casa Consistorial. Un requisito indispensable para poder participar desta excursión é estar empadroado en Cambados.

A Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade entende que este tipo de actividades son moi beneficiosas para a saúde física e mental dos nosos maiores. Ademais, moitos deles terán unha oportunidade única para visitar por primeira vez a Ribeira Sacra e os Canóns do Sil.