A BIBLIOTECA MUNICIPAL LUIS REI SÚMASE AO MES DA CIENCIA EN GALEGO CUNHA EXPOSICIÓN SOBRE ESPECIES INVASORAS EN GALICIA E ACTIVIDADES INFANTÍS

A BIBLIOTECA MUNICIPAL LUIS REI SÚMASE AO MES DA CIENCIA EN GALEGO CUNHA EXPOSICIÓN SOBRE ESPECIES INVASORAS EN GALICIA E ACTIVIDADES INFANTÍS

Desde a Xunta de Galicia impúlsase a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. A biblioteca municipal Luis Rei quere sumarse este ano e está a organizar, en colaboración coa Rede de Especies Invasoras (unha rede de grupos de investigación das Universidades de A Coruña, Santiago, Vigo e Coimbra), unha exposición en paneis ao aire libre no Paseo da Calzada sobre las Especies Invasoras en Galicia que será presentada por primera vez en Cambados o xoves 5 de novembro.

As especies invasoras están consideradas como unha das principais ameazas á biodiversidade do planeta. Son plantas, animais, fungos e incluso microorganismos que o home trasladou dende o seu lugar de orixe a outras zonas onde se reproducen con tanto éxito que acaban sendo un problema para as especies nativas. A humanidade leva facéndoo dende tempos ancestrais pero o problema agravouse nas últimas décadas debido ao incremento do comercio mundial e do tráfico de persas por todo o mundo. Unha vez asentadas nun novo territorio, erradicar as especies invasoras é moi difícil, con frecuencia imposible. De maneira que hai un consenso xeneralizado de que a prevención é a medida máis eficaz para evitar os danos das invasións biolóxicas. Previr implica crear unha conciencia social do problema das especies invasoras para que todos adoptemos unha serie de boas prácticas que reduzan o risco de novas intrusións. Nesa liña, pretende traballar a exposición sobre as Especies Invasoras en Galicia que será presentada o vindeiro xoves 5 de novembro ás 16.30 horas para un grupo de 30 rapaces da biblioteca. A exposición foi financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Durante a presentación, os representantes da Rede de Especies Invasoras realizarán para os nenos unha visita guiada á exposición e posteriormente  unha actividade divulgativa complementaria sobre a biodiversidade das dunas xunto cunha xincana final sobre a orixe das especies invasoras.

Dende a biblioteca municipal todavía contan con prazas dispoñibles e animan a todos aqueles rapaces a partir de 3º de primaria interesados a inscribirse nesta actividade de balde.

O concelleiro de cultura Víctor Caamaño convida igualmente a colexios e institutos do municipio e ao público en xeral a visitala dado que estará no Paseo da Calzada ata finais de mes.