A BIBLIOTECA DE CAMBADOS TENTARÁ PARTICIPAR EN “SPAIN IN A DAY”

Os rapaces da Bitácora da Biblioteca (obradoiro de creación de blogs e navegación responsable na rede) realizarán un vídeo para participar en Spain in a day

A biblioteca Luis Rei de Cambados quérese sumar á iniciativa Spain in a Day coa realización dun vídeo a cargo dos rapaces e rapazas que integran a Bitácora da Biblioteca o 24 de outubro, coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas.

“Spain in a day” trátase dun proxecto de cine colectivo que retratará un día na vida de todos os españois a partir de imaxes gravadas por ciudadáns anónimos cos seus móbiles, tabletas ou cámaras. O filme chegará á gran pantalla no Festival de Cine de San Sebastián de 2016.

O proxecto, que contará coa dirección de Isabel Coixet, está baseado no exitoso Life in a day, de Ridley Scott.

Dende a biblioteca municipal pretenden animar aos rapaces  a homenaxear por todo o alto a lectura e a súa asiduidade á biblioteca, como un ezpazo máis de educación creativa e divertimento. Aínda que saben que será difícil por chegar a estar entre os elixidos, conténtanse co feito de poder levar a cabo unha actividade diferente e novidosa para o seu blog. O sábado 24 gravarán partes do acto proxectado para tan efeméride no Auditorio Municipal, no que a partir das 12.00 do mediodía se premiará aos lectores máis activos da biblioteca e axencias de lectura de Cambados e actuará a compañía Gazafelhos con “Lobo Feroz”.