Con motivo do nomeamento de Cambados como Cidade Europea do Viño, SmartPeme organizará dúas mesas redondas. As adegas interesadas poderán ver de primeira man algunhas das mellores formas de aproveitar os avances tecnolóxicos para mellorar a produtividade e incrementar as vendas do sector vitivinícola.

O evento terá lugar no Centro Exposalnés (Paseo da calzada, s/n), durante a tarde do 4 de abril, ás 16:30, cunha presentación da xornada, e a súa finalización está planificada para as 20:30. Para comodidade dos asistentes, haberá un pequeno descanso na metade da xornada.

Durante a mesma, contarase coa presenza do Deputado de Promoción e Innovación Económica, Francisco Javier Divos Pomares e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal Roma.

A primeira mesa redonda centrarase no aproveitamento das novas tecnoloxías para aumentar a eficiencia na xestión dos viñedos e das propias adegas, mentres que na segunda analizarase o posterior proceso de comercialización e como apoiarse nas novas tecnoloxías para ampliar mercado.

Os interesados poden inscribirse a través deste formulario, ou chamando ao 886 20 20 20.

Orde do día:

16:30 – Benvida  ás bodegas, a cargo de:

Francisco Javier Dios Pomares, Deputado Promoción e Innovación Económica

Fátima Abal Roma , Alcaldesa Cambados

17:00 – Mesa redonda. A transformación dixital do sector do viño

Librebit: Especialistas en proxectos de implementación de solucións con software libre, e responsables da súa implementación en Paco & Lola.

Monet ViticultoresCreadores da ferramenta tecnolóxica Monet Viticultura, para a monitoraxe do estado das vides.

Seresco: Compañía de servizos informáticos detrás da plataforma Cultiva Decisiones, para optimizar os procesos de fertilización recolección, control de pragas…

18:30 – Descanso

19:00 – Mesa redonda. As novas tendencias na comercialización online do vino

Acuarel: Empresa con experiencia na creación de aplicacións de comercio electrónico e xestión de stocks, e detrás da creación das webs de comercio electrónico de varias adegas.

HacceEmpresa especialista en deseño e web, con especial foco no desenvolvemento multidispositivo.

José Luis Taboada: Asesor TIC SmartPeme do centro de Cambados, especialista en sistemas informáticos.

20:30 – Peche oficial das xornadas

 

O xoves 30 de marzo, ás 21:00 horas celebrarase no salón de plenos da casa consistorial a sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal coa seguinte

 

ORDE DO DÍA:

I Parte resolutiva

1. Aprobación da acta das sesións ordinarias celebradas o 24 de novembro de 2016, 29 de decembro de 2016, 26 de xaneiro de 2017 e 24 de febreiro de 2017.

2. Resolución de alegacións e aprobación definitiva, se procede, de modificación puntual da Relación de Postos de Traballo do Concello de Cambados.

3. Aprobación inicial, se procede, do Regulamento Interno de Acción Voluntaria do Concello de Cambados.

4. Aprobación, se procede, do recoñecemento extraxudicial de créditos 2/2017.

5. Aprobación, se procede, do recoñecemento extraxudicial de créditos 3/2017.

II Parte de control e fiscalización da xestión dos órganos municipais de goberno

6. Moción do grupo municipal do Partido Popular solicitando o mantemento das rutas de sendeirismo de Cambados e o salnés.

7. Acordo do grupo de goberno instando á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a asumir o mantemento do Centro de Saúde de Cambados.

8. Acordo do grupo de goberno de adhesión a Alcaldes pola Paz (Mayors for Peace).

9. Acordo do grupo de goberno instando o mantemento dos rexistros da propiedade.

10. Acordo do grupo de goberno instando ao Servizo Galego de Saúde a non excluír a Cambados do servizo de hospitalización domiciliaria do Hospital do Salnés.

11. Acordo do grupo de goberno de apoio ao impulso de formación profesional en España no ámbito do enoturismo.

12. Dar conta das resolucións da alcaldía.

13. Rogos e preguntas.


 

Lembramos que a sesión plenaria será emitida en directo a través da nosa canle en youtube, con enlace nesta mesma páxina web.

Arquivos adxuntos

Camiños, Festivais, Enoturismo e Excelencia serán os eixos de Turismo Rías Baixas 2017 baixo o lema “Moito por descubrir” e coas “matrioskas” como imaxe promocional.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, presentou no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a ambiciosa nova campaña de promoción do Destino Rías Baixas. Ao acto tamén asistiron sete alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia (Barro, Cambados, O Grove, Lalín, O Rosal, Sanxenxo e Tui), o xerente do Instituto Galego do Viño, Jorge Vila, e o representante dos Festivais Rías Baixas, Kim Martínez.

Esta nova campaña supón un paso adiante do Goberno provincial de Carmela Silva despois de que o pasado ano 2016 “cambiamos a forma de entender a promoción turística coa elección de campañas diferentes do que se fixo ata entón”, sinalou a Presidenta provincial, “rachando co binomio de praia e gastronomía, promocionando outras potencialidades do territorio ou achegándonos aos e ás visitantes a través de canles máis modernas e de vangarda”.

Carmela Silva presentou o novo lema das campañas promocionais do Destino Rías Baixas, “Moito por descubrir”, así como a nova imaxe promocional: as matrioskas, as bonecas rusas “que se van encaixando unha dentro doutra e explicarán este ano cales son esas razóns polas que merece a pena visitar o Destino Rías Baixas”, sinalou a Presidenta provincial. As matrioskas “crean expectativa sobre o que se pode descubrir nas Rías Baixas, o que albergan no seu interior”, isto é, “lugares e experiencias inesquecibles nunha terra que acolle con agarimo a todo quen nos visita”, afirmou Carmela Silva. A Presidenta asegurou que “estas bonecas transmiten unha mensaxe de amizade, acollida e descubrimento”, razóns da súa elección como imaxe, “todas elas distintas, unhas obras mestras que se amosan como nunha sucesión infinita, ao igual que infinitas son as razóns para vir ás Rías Baixas: un so destino pero con moitas razóns para visitalo”.

A campaña promocional do Destino Rías Baixas ten catro eixes principais: os diversos Camiños que transcorren pola provincia de Pontevedra, os festivais de música, o enoturismo e a calidade turística, “catro grandes activos culturais”, sinalou Carmela Silva, “cun impacto moi importante nunha grande parte do noso territorio”. A Presidenta provincial sinalou que “este ano mantemos e potenciamos os #RíasBaixasFests”, unha marca propia que logrou consolidarse en tan so unha campaña. Tamén presentou “Cruzando camiños”, o eixe que engloba todos os Camiños a Santiago da provincia (o Camiño Portugués, o Camiño pola Costa, a Ruta do Mar de Arousa, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e o do Pai Sarmiento), sinalou o enoturismo como pulo de atracción, en especial co nomeamento de Cambados como Cidade Europea do Viño, e a calidade turística como último deses catro grandes eidos, pondo en valor a calidade dos establecementos da provincia a través do distintivo Sicted. Carmela Silva sinalou que este ano “203 establecementos contan con este distintivo e como obxectivo deste ano temos chegar aos 250”. A Presidenta avanzou que “xa acadamos o 50% dese obxectivo pois nun mes de reunións, 22 empresas xa solicitaron a súa certificación”.

Deste xeito, os distintos eixes de actuación promocional convértense en “Razóns para Camiñar”, cos camiños como valor singular das Rías Baixas, “Razóns para Saborear” co enoturismo, cun produto de enorme calidade e en recoñecemento ao nomeamento de Cambados, e en “Razóns para desfrutar” cos #RíasBaixasFests e demais eventos culturais que se desenvolven na provincia de Pontevedra.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que “de pouco valería traballar nestas novas liñas se non facemos un maior esforzo en achegarnos a lugares onde queremos promocionar esta provincia” e, por iso, anunciou que a promoción do Destino Rías Baixas se vai presentar en catro escenarios: en Vigo este xoves 30, cunha gala de presentación, en Madrid o vindeiro 5 de abril, en Lisboa en maio e, finalmente, en Porto onde volverá o tren dos #RíasBaixasFests que xa fixo o percorrido Vigo-Porto o verán pasado.

Razóns para Camiñar


Carmela Silva sinalou que “un dos nosos pulos máis importantes de atracción son os Camiños, dos que temos media ducia de rutas que pór en valor porque tamén potencian aos nosos concellos”. O ano pasado preto de 65.000 persoas realizaron algunha das rutas de peregrinación que pasan por 33 dos concellos da provincia de Pontevedra.

O principal é o Camiño Portugués, que ten como referente Tui, o segundo punto de inicio máis importante de Galicia e do que o ano pasado saíron 15.000 persoas. O alcalde da vila, Enrique Cabaleiro, sinalou que “o Camiño serve para pór en valor o noso valor patrimonial, o noso casco histórico, segundo maior de Galicia, e fai que os e as peregrinas se convertan en embaixadores e embaixadoras de todo o que ofrecemos”. O Camiño pola Costa, aposta da institución provincial este ano en FITUR polo seu recente recoñecemento, tamén forma parte da campaña. O alcalde do Rosal, Xesús María Fernández, que acudiu en representación dos concellos do Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo, sinalou que “este camiño é moi novo pero é único, porque contén un patrimonio e paisaxes extraordinarias” e asegurou que “este turismo fai ao noso pobo moito máis grande”. A Deputación de Pontevedra tamén promocionará o Camiño Portugués polo Interior, que se une ao da Costa por Redondela e chega ata Pontecesures, pasando polo Porriño, Mos, Soutomaior, Pontevedra, Vilaboa, Portas, Caldas de Reis, Valga ou Barro, cuxo alcalde, José Manuel Abraldes, sinalou que “un concello como Barro, moi ligado ao camiño e ao viño, non podería promocionarse sen o apoio da Deputación de Pontevedra”.

Cara ao Salnés atópanse dúas rutas emerxentes, unha delas a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, que discorre por Sanxenxo, Meaño, O Grove, Meis, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa, Vilanova, Catoira, Valga e Pontecesures. O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, asegurou que “a promoción dos Camiños vai pór en valor todo o patrimonio da nosa comarca”. A outra ruta é a do Pai Sarmiento, que percorre Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Meaño, Cambados, Vilanova, A Illa, Vilagarcía, Catoira e O Grove. O rexedor meco, José Cacabelos, lembrou que “ao Pai Sarmiento ao facer o seu Camiño entroulle a curiosidade por descubrir o que había no noso territorio, e iso é o turismo de hoxe en día, o que nos leva a promocionar o noso medio ambiente, cultura, gastronomía…”.

Por último, xa na comarca de Deza, atópase a Vía da Prata, o segundo camiño máis visitado da provincia, que en 2016 percorreron 10.000 peregrinas e peregrinos. Nesta comarca conflúen a Vía da Prata (Dozón, Lalín e Silleda) e o Camiño de Inverno, recoñecida recentemente (Rodeiro, Silleda e Lalín). O alcalde de Lalín (pola que pasan os dous camiños), Rafael Cuíña, asegurou que “o Camiño de Inverno é un dos máis interesantes por ser o máis descoñecido”.

Razóns para Desfrutar: #RíasBaixasFests


Carmela Silva avanzou as novidades dos Festivais Rías Baixas deste ano, que pasan de ser sete a “8 máis 1”. O ano pasado asistiron máis de 200.000 persoas (un crecemento de entre o 10 e o 40%), crearon 1.500 postos de traballo e deixaron un impacto económico de preto de 15 millóns de euros.

Carmela Silva sinalou que “Nigrán seguirá tendo un festival Rías Baixas, o Vive Nigrán, aínda que PortAmérica este ano se celebrará en Caldas, porque Nigrán é territorio #RíasBaixasFests”. Ademais, “de forma puntual este ano, Cambados, pola súa Capitalidade Europea do Viño, será escenario dunha gran festa de peche dos Festivais Rías Baixas o 9 de setembro”, sinalou a Presidenta provincial.

Á marxe da música, este ano os #RíasBaixasFests teñen dous acenos de identidade transversais: a igualdade (mediante campañas contra a violencia de xénero e acoso sexual pero tamén de potenciación dos grupos femininos e a visibilización da muller neste sector) e o turismo sostible (campañas de concienciación e correcta xestión dos residuos, a través de campañas e da figura de voluntario verde). Carmela Silva agradeceu e recoñeceu a todas as persoas promotoras dos Festivais “por sumarse a que a igualdade e o turismo sostible sexan os seus sinais de identidade, estou segura de que nos vai situar aínda mellor polo feito de comprometernos con valores que teñen que chegar a toda a cidadanía”. Á marxe destes musicais, este ano a Deputación promoverá outros festivais desligados do campo da música xa que “a cultura é fundamental para un pobo, sen cultura non hai posibilidades de seguir avanzando”, asegurou Carmela Silva.

Razóns para Saborear


O enoturismo é outro dos eixos nos que descansará a campaña de promoción deste ano. “29 municipios teñen cultivos e actividade vitivinícola baixo a denominación de orixe Rías Baixas e a nosa cultura do viño soubo manter a tradición á vez que innovar en novas liñas de negocio”, sinalou Carmela Silva.

Como foco especial de atracción, Cambados ten o protagonismo ao ter acadado o recoñecemento de ser a Cidade Europea do Viño durante 2017. A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, sinalou que “este nomeamento é unha oportunidade única para darnos a coñecer internacionalmente a Cambados, ao Salnés e á provincia”. Durante este 2017 “desenvolveremos máis de 80 actividades vinculadas ao viño e ao enoturismo”, moitas delas ao abeiro do convenio de colaboración que a Deputación de Pontevedra asinou a semana pasada co Concello de Cambados.

Un destino de calidade, sostible e atractivo


Carmela Silva pechou o acto lembrando que “o número de visitantes do verán de 2016 que elixiron Rías Baixas creceu un 31% con respecto a 2015, cun total de 2,1 millóns de pernoitas”, pero “temos que avanzar en asistencia e tamén en desestacionalización e en calidade”. A Presidenta provincial asegurou que o motivo principal de viaxe ás Rías Baixas xa é a cultura, cun 27%, seguido do lecer (25%) e que preto do 60% non coñecían o destino, “por iso é tan importante que entendamos a promoción como unha prioridade”.

Carmela Silva sinalou que “temos un enorme potencial que nos sitúa e que nos consolida: dous albariños Rías Baixas clasificados entre os mellores do mundo nos premios Bacchus 2017 (Mar de Frades e A Troita), seis Estrelas Michelín ou tres das principais iconas fotográficas de Galicia (Rapa das Bestas, Santa Trega e as Illas Cíes)”. Por iso, asegurou a Presidenta provincial, “a nosa promoción ten tres grandes frontes”. O primeiro deles é promover un destino de calidade, “como acreditan os e as profesionais que traballan para mellorar e innovar a satisfacción das persoas visitantes”, entre elas os “203 profesionais e colectivos que recollerán o xoves o distintivo de calidade SICTED”. En segundo lugar, un destino sostible, “con espazos naturais xestionados conforme a códigos de boas prácticas: lecer combinado con protección ambiental e conservación e posta en valor dos nosos recursos”. Por último, un destino atractivo, “onde é compatible facer o Camiño con escalas nas nosas adegas, visitando os nosos monumentos de interese cultural ou gozando dun descanso nos nosos espazos termais”, asegurou a Presidenta provincial. Por iso, animou Carmela Silva, “témolo todo, así que saiamos a contalo"

A I Xornada de Gastrosexoloxía do albariño terá lugar este sábado 1 de abril no Salón de Congresos e Exposicións José Peña as 20:00.

Cambados prosegue coas actividades da Cidade Europea do Viño, neste caso cunha xornada de gastrosexoloxía que impartirá a psicóloga e sexóloga Mónica Novas, e contará coa colaboración de Óscar de Toro e José Soto, que son destacados baristas e sumilleres. 

A actividade está dirixida a todo tipo de público, falarase da relación dos alimentos co pracer e dos mecanismos psicolóxicos que influen en este. 

A xornada é o 1 de abril (sábado), a partir das 20.00 horas, na que se terán en conta as preparacións relacionadas co albariño, xa sexa en forma de viño, de destilado ou de doce. As adegas colaboradoras Terras de Lantaño, Santiago Roma, Albamar, Lagar de Besada y Eidosela porán os Rías Baixas; a DO Augardentes e licores tradicionais de Galicia e a IXP Mel de Galicia.

Hai 50 prazas e a actividade é gratuita previa inscripción na Oficina de Turismo, teléfono 986 52 07 86 ou no mail turismo@cambados.es.

 

O vindeiro venres 31 de marzo terá lugar no salón de congresos e exposicións Xosé Peña unha xornada que versará acerda das "Melloras e innovación para a viticultura do século XXI". O aforo é limitado (60 prazas - a inscrición realizarase en orde de chegada das solicitudes).
Para máis información adxuntamos o programa da xornada:

Emisión en directo o Sábado 25 de marzo, ás 21:00 h. da "Gala Cambados Cidade Europea do Viño 2017"

Nunha sociedade correcamiños onde a présa é inherente a cada un de nós, estamos embarcando neste ritmo frenético un dos tesouros máis prezados: a infancia. Ansiamos que camiñe canto antes, que fale canto antes, que lea canto antes, ... Adiantando o reloxo de cada neno. Alguén ten a osadía de intentar deter un tsunami? Pero si podemos loitar contra a natureza do neno? Os cativos reclaman unha mirada atenta, cos ollos, que o acompañe de preto pero que lle permita moverse en liberdade, que respecte o seu propio ritmo e que, en definitiva, lle permita ser.

Porque el só ten todo o necesario para un desenvolvemento óptimo. Eu soíño...Cantas veces escoitamos dicir a un neno esa frase? Soíño implica independencia, autonomía, sin excesos e autoestima.

O xoves 30, no Centro sociocultural A Merced de Cambados, ás 18:00h, reflexionaremos acerca do desenvolvemento do neno e as condicións necesarias para que se produza da forma máis axeitada posible así como da importancia da contorna. Contaremos con profesionais de distintos ámbitos que nos aportarán coñecementos sinxelos para que o neno teña o que precisa nesta sociedade actual, darannos ferramentas para saír ao paso das dificultades e invitarán a familias e profesionais a comezar ese cambio de mirada.

O domingo 26 de marzo ás 20:30 horas no auditorio municipal da Xuventude celébrase o festival solidario a beneficio da AECC (Asociación Española Contra o Cancro), na que actuarán os grupos Añoranza e M80.

A Asociación Española Contra o Cancro, en Cambados é unha ONL(Organización Non Lucrativa), privada e declarada de utilidade pública, que leva 60 anos traballando na loita contra o cancro.

A AECC integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica e tratamento do cancro, co obxectivo de mellorar a vida das persoas.

Estruturada en 52 Xuntas Provinciais e presente en máis de 2000 localidades españolas, a AECC desenvolve o seu traballo a través dos seus máis de 15000 voluntarios e 580 empregados baixo unha filosofía de colaboración coas autoridades sanitarias, institucións científicas e aquelas outras entidades que persiguen un fin análogo ao da asociación.

Todo elo sempre baixo os principios de axuda, unidade, transparencia, profesionalidade, independencia e dinamismo, abordando o cancro dende un enfoque integral:

  • apoiar: atención personalizada e individualizada, atención social (axudas económicas, préstamo de camas eléctricas, cadeiras d erodas, pelucas, próteses, grúas, programa de inserción laboral, programa de alimentos), atención psicolóxica, atención sanitaria, (unidades de coidados paliativos, programa volver a falar para larinxectomizados), pisos e residencias.

  • investigar: investigación oncolóxica de calidade orientada ao paciente. A AECC é a entidade privada que máis fondos destina á investigación oncolóxica.

  • informar e concienciar: educación para a saúde nos colexios, solidariedade na empresa, campañas de cancro de colon, cancro de mama, cancro de pulmón, cancro de pel, etc.

 

Os pasados días 16, 17 e 18 de marzo doaron sangue, na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, 104 persoas, das cales cinco eran cidadáns que colaboraban por vez primeira

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere amosar o seu agradecemento ao concello de Cambados, especialmente ao departamento de Cultura e Educación, e aos tres centros de ensino infantil e primaria (CEIP Enrique Barreiro Piñeiro, CEIP San Tomé e CEIP Plurilingüe de Castrelo) os que, participaron na campaña “Mensaxeiros Solidarios” que tivo lugar a pasada semana neste municipio pontevedrés.

No transcurso da visita que a unidade móbil de ADOS fixo ata as inmediacións do centro de saúde de Cambados os pasados días 16, 17 e 18 de marzo, recolleuse unha participación de 104 doadores e doadoras. Esta cifra supón un incremento do 21% con respecto á media mensual de participación das visitas efectuadas por ADOS ata Cambados durante o pasado ano. Así mesmo, salientar que se incrementou a media habitual de persoas que doaban sangue por vez primeira, xa que foron 5 os cidadáns que doaron sangue por vez primeira a pasada semana neste concello pontevedrés.

Esta visita da unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue inscríbese dentro do programa “Mensaxeiros Solidarios”, que se está a desenvolver en distintos municipios galegos ao longo do presente exercicio e que tenta achegar o acto solidario e xeneroso da doazón de sangue aos máis pequenos e pequenas da casa.

Neste sentido, a concellería de Cultura e Educación de Cambados, que dirixe Víctor Caamaño Rivas, impulsou en colaboración con ADOS o desenvolvemento de “Mensaxeiros Solidarios” nun total de tres centros educativos do concello, achegando a doazón de sangue a un total de 205 nenos e nenas. Mediante este programa, nas datas inmediatamente anteriores ao desprazamento da unidade móbil de ADOS, os estudantes recibiron o conto “Papá Bolechas doa sangue”, xunto cunha tarxeta con información básica sobre a doazón e advertindo da desenvolvemento dunha próxima campaña de doazón.

Deste xeito, “Mensaxeiros Solidarios” contribúe a sensibilizar aos cativos e cativas dun xeito lúdico e promove o dialogo sobre o solidario xesto da doazón dentro das propias familias. ADOS quere agradecer ao concello de Cambados a súa inestimable colaboración no desenvolvemento desta iniciativa, así como a todos os veciños e veciñas deste municipio pontevedrés que teñen participado activamente nas campañas de doazón de sangue.

 Ir á páxina seguinte Ir á última páxina