Situado na ría de Arousa, a máis extensa das rías galegas, e no val do Salnés que enxalzara Valle-Inclán, atópase o municipio de Cambados: un histórico enclave esculpido en granito, considerado un dos destinos turísticos máis belos, admirados e interesantes de Galicia.

Merece unha detida visita para contemplar os seus pazos e casas nobres, distribuídas ao longo das tres antigas e señoriais vilas de Fefiñáns, Cambados e San Tomé, as súas belas prazas, as rúas empedradas, a rede de museos... Un atractivo patrimonio que complementa a súa oferta turística coa ruta do viño Rías Baixas, as rutas de sendeirismo e actividades como o turismo náutico e mariñeiro, as festas populares e as numerosas ofertas gastronómicas e culturais.

 

Un Pouco de Historia

A súa orixe remóntanos a tempos prehistóricos, onde a invasión de pobos do centro de Europa trouxo consigo a cultura megalítica e castrexa, achados nas marxes do río Umia e nos castros da Pastora, Castrelo, Sete Pías e Monte Rei.

No s. IX Cambados sufría os ataques de viquingos e normandos debido a súa situación privilexiada no centro da comarca do Salnés, cunha costa baixa, areosa e con augas tranquilas, que reúnen unhas excelentes calidades para a navegación. Esta loita da poboación valeulle para que no ano 1170 Fernando II, Rei de León, lle concedera o título de "Moi Leal Vila" iniciándose entón un período de esplendor, que queda reflectido na multitude de pazos existentes no municipio pertencentes principalmente ao s. XVII e o s. XVIII. As dimensións, xunto cos escudos que exhiben, ademais das torres, solainas, capelas e xardíns, fan dos pazos construcións admirables. Como di o refrán, "se ten pombal, capela e ciprés, pazo é".

En Cambados existían, por aquel entón, tres fermosas vilas: Fefiñáns, Cambados, e San Tomé do Mar. Esa separación mantívose ata o s. XIX, tempo no que se uniron, dando orixe ao concello de Cambados incluíndo no seu territorio as parroquias de Corvillón ao norte, Vilariño e Oubiña ao este e Castrelo ao sur sendo a súa dimensión de 23,5 quilómetros cadrados e a súa poboación actual duns 14.000 habitantes.

Existen diversas hipóteses en relación co nome de Cambados. Algúns historiadores atribúenlle raíces celtas en Cambra-Cune, outros inclínanse pola derivación dos vocábulos Cam (lago) e Bados (casa) ou que probablemente proceda da palabra española "combado", é dicir, "curvado", porque a vila atópase en posición curva.

Cambados foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do 2001. A máxima categoría en canto á protección de conxuntos históricos e recoñecemento patrimonial na nosa comunidade autónoma. Durante todo o ano a vila recibe gran cantidade de visitantes, grazas á súa variada oferta turística e cultural, pero é no verán cando ofrece máis posibilidades de lecer coincidindo coa celebración de festexos populares como a romaría de San Bieito, a mariñeira da Virxe do Carme ou as gastronómicas do Albariño e a exaltación da Vieira.

 

Cambadeses Ilustres

En Cambados naceron galegos ilustres como Ramón Cabanillas, coñecido como o Poeta da Raza, pola súa poesía contra as inxustizas sociais dedicando tamén versos á pesca e a vendima; así como os grandes escultores Francisco Asorey, Narciso Pérez, Francisco Leiro e Manolo Paz. Tamén residiron na vila outros personaxes importantes como os escritores Emilia Pardo Bazán, Ramón María del Valle-Inclán ou o rexionalista Alfredo Brañas, quen escribiron algunhas das súas obras durante as súas estadías en Cambados.

Cambados e o Camiño de Santiago

Pola vila de Cambados discorre ademais un dos oito camiños de Santiago, "A Ruta marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla". Esta conmemora a chegada, por mar, do corpo do apóstolo Santiago tras o seu martirio en Xerusalén, no ano 44. O itinerario marítimo comeza na entrada da ría de Arousa e finaliza en Pontecesures e Padrón enlazando aquí co Camiño Portugués ata Santiago de Compostela.

Cambados e o Viño

O sector vitivinícola é un dos principais dinamizadores da economía do Salnés, onde case cinco mil familias viven do cultivo de albariño, un dos produtos agrícolas máis exportados da nosa terra.

Cambados é coñecido como a "Capital do Viño Albariño" e é que todo nesta vila recórdanos o "principe dourado dos viños" como o denominou Álvaro Cunqueiro, sendo punto de partida da Ruta do Viño que acolle vintedúas adegas pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas. Conta ademais co primeiro museo Etnográfico e do Viño en Galicia e un dos primeiros de España, e ca estatua en bronce do deus do viño na mitoloxía romana Baco, do escultor Francisco Leiro.

Aquí celébrase un dos festexos enogastronómicos máis antigos de España pois cada primeira fin de semana de agosto ten lugar A Festa do Viño Albariño, fundada en 1953 e declarada de Interese Turístico Nacional. Ao longo dunha semana de festexos danse cita concertos de grupos nacionais e internacionais, diferentes eventos lúdicos, deportivos e culturais.

 

Cambados e a Gastronomía

A gastronomía cambadesa está recoñecida como unha das mellores de Galicia, pois é un lugar ideal para comer, cear, tapear... Combinar o afamado viño albariño coa calidade dos mariscos e peixes frescos, xunto cos produtos da horta, fan da súa hostalería  unha aposta segura pola exquisitez.

A esta oferta gastronómica, lúdica, deportiva e cultural que ofrece o municipio súmaselle a hospitalidade dos cambadeses, que fan da vila un lugar ideal para gozar das súas vacacións en calquera época do ano.