A PASTORA-UMIA

Esta ruta levaranos desde a espectacular panorámica da ría de Arousa, no monte da Pastora, ata a visión máis natural dos xuncos, entrando nas marxes do río Umia na súa desembocadura.

O regreso realizarase entre paraxes naturais de típica vexetación ribeirega e plantacións de albariño, que con tanto coidado se cultiva na zona.

 

Datos técnicos

Inicio: monte da Pastora

Fin: no mesmo lugar

Lonxitude: 3,5 quilómetros

Dificultade: baixa

Tempo estimado: 1 hora e 30 minutos

 

Flora e fauna

Segundo sexan as condicións de humidade, podemos atopar diferentes ecosistemas de especies vexetais (herbáceas, arbustivas e arbóreas) destacando os formados por carballos, salgueiros, ameneiros e loureiros, ademais de comunidades de piñeiros e eucaliptos.

Nas marxes da desembocadura do río, danse unhas condicións favorables para o desenvolvemento de distintas especies de xuncáceas. Estas benefícianse dunha situación especial, dado que a auga da zona é unha mestura de augas doces que baixan desde o nacemento do río, e augas salgadas que penetran desde o mar, o que se traduce nunha zona de alto contido en materia orgánica. Deste ecosistema aprovéitanse diferentes especies de aves ao longo do ano.

A situación xeográfica do tramo da ruta que transcorre pola beira do río forma parte da prolongación do Complexo Intermareal Umia-O Grove, que foi declarado Refuxio de Fauna, Zona de Especial Protección para as Aves (CEE), Zona Húmida de Importancia Internacional (RAMSAR) e Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral en 1990.

 

Descrición da ruta

Comezaremos o percorrido no monte da Pastora, desde onde se poderá observar a vila de Cambados, a desembocadura do río Umia e a ría de Arousa en todo o seu esplendor. Neste punto poderemos visitar as Ruínas de Santa Mariña e o Museo Etnográfico e do Viño.

Nos primeiros tramos do itinerario pasaremos por detrás do cemiterio da antiga igrexa parroquial para torcer logo á esquerda e seguir pola estrada ata o final da zona asfaltada, deixando atrás un hórreo de tres claros, unha curiosa construción galega. Desde aquí, e seguindo por un camiño de terra, poderemos observar as múltiples plantacións de albariño e os distintos invernadoiros que tamén son característicos da comarca. Tamén hai que destacar a presenza doutro hórreo que se eleva glorioso sobre a roca que o sostén.

A continuación, desviarémonos á dereita por un camiño que nos permite gozar da visión do xuncal que descansa sobre o río Umia. Neste tramo poderemos ver a típica vexetación ribeirega , como son os ameneiros, os salgueiros, os carballos e os loureiros, que conforman unha paisaxe única.

Ao chegar ao río Umia, poderemos contemplar a influencia das mareas nunha lagoa formada pola entrada do río ata o corazón do xuncal. Seguiremos o percorrido paralelo ao río onde poderemos ver os diferentes tipos de aves mariñas da zona.

Volveremos por un pequeno tramo polo mesmo camiño, continuaremos pola beira do xuncal, seguiremos andando por unha pista a través das terras e ao final teremos a oportunidade de ver un pequeno bosque, á dereita, con distintas especies de árbores ribeiregas.

Para regresar, camiñaremos por unha estrada entre plantacións de albariño. Deberemos continuar ata chegar ao monte da Pastora, onde poderemos gozar, se facemos a ruta polo serán, dunha impresionante posta de sol sobre o mar.

 

 

RUTAS POLO COMPLEXO INTERMAREAL UMIA-O GROVE

Acceso

Para chegar á ruta dos Lavancos deberemos seguir a comarcal C-550 Cambados-O Grove e no punto quilométrico 5,800 colleremos o desvío cara ao Facho.

Colleremos o mesmo acceso para a ruta dos Mazaricos, pero no Facho haberá que seguir un novo desvío á esquerda 200 metros antes do final desta pista.

 

RUTA DOS LAVANCOS

A ruta dos Lavancos transcorre pola beira da enseada desde o lugar do Facho ata Correlo, onde nos adentraremos na desembocadura do río Umia para volver polo camiño interior entre piñeiros e cultivos de albariño.

Datos técnicos

Inicio:  no Facho (Castrelo), Cambados

Fin: no mesmo lugar

Lonxitude: 3,5 quilómetros

Dificultade: baixa

Tempo estimado: 2 horas

Flora e fauna

O parrulo real:  É o pato máis común de Europa. Neste espazo natural é sedentario e cría nas lagoas, zonas encharcadas e xuncais. A esta poboación autóctona súmanselle un bo número de invernantes que fan do complexo intermareal un dos hábitats máis importantes de Galicia. É frecuente atopalo nos postes e nos cables de electricidade nas marxes de camiños e estradas.

As plantas halófilas: Nas beiras encharcadas diariamente pola preamar, aparece unha vexetación formada por plantas halófilas, é dicir, adaptadas aos solos salobres. Entre as máis comúns destacan a "Sueda Marítima" e "Sueda Beira" e a verdolaga marítima "Hamione Portulacoides".

O corvo mariño real "Phalocrocorax Carbo": Presente no espazo natural desde os primeiros días de agosto, procede das colonias de cría de Gran Bretaña, Noruega e a Bretaña Francesa. Pasa o día mergullándose para pescar, e no seu descanso permanece a miúdo coas ás abertas para secar a súa plumaxe. No verán verémolos voar cara á illa de Ons, onde teñen os seus niños.

 

Descrición da ruta

Comezaremos o percorrido no lugar do Facho, fronte á illa da Toxa, moi preto da Toxa Pequena. Nos primeiros metros do itinerario, a presenza do home está moi patente. Á esquerda do cartel de inicio, atoparemos a caseta da confraría de mariscadores de O Grove, onde ten lugar a pesada do marisco que se recolle no banco natural que se estende desde aquí ata Cambados.

Pasaremos diante dun estaleiro e dun cocedoiro de marisco e de peixe. Logo, chegaremos a un paso de madeira que nos levará pola praia ante unha vexetación tipicamente halófila, para continuar camiñando pola beiramar, á sombra dos piñeiros e algúns carballos.

Ao chegar á punta de Correlo, veremos os diferentes illotes que se forman na desembocadura do río Umia. Desde este lugar poderemos ver, se a marea está baixa, as mariscadoras traballando na zona que queda en seco entre aves como patos, garzas, corvos mariños e outras. Se a marea está alta, as aves ocuparán a beira do estuario e os illotes, esperando un novo ciclo da marea.

Regresaremos polo mesmo camiño ao chegar ao panel de identificación de aves. Desde aquí, seguindo un camiño polo interior a través de cultivos de albariño, daremos cunha pequena estrada pola que deberemos continuar. Ao final, tomando o camiño que atravesa un piñeiral, alcanzaremos o punto de partida.

 

RUTA DOS MAZARICOS

Ao longo das dúas horas que dura o percorrido a marea subirá ou baixará, de modo que teremos unha visión distinta da enseada, e da súa flora e fauna, segundo sexa o seu estado.

Coa baixamar, os traballos das mariscadoras e a avifauna no inverno atraerán a atención do visitante. Coa preamar a enseada volverase solitaria e tranquila, coa axuda duns prismáticos poderemos ver as aves descansando sobre as rocas e nos illotes, moitas delas limpándose a plumaxe.

 

Datos técnicos

Inicio: praia das Saíñas

Fin: no mesmo lugar

Lonxitude: 3,4 quilómetros

Dificultade: baixa

Tempo estimado: 2 horas

Flora e fauna

O mazarico Numenius arquata“ : Entre as aves limícolas que visitan a enseada, é a de maior tamaño, e resulta inconfundible polo seu longo e curvo pico. Máis de duascentas chegan a pasar aquí o inverno. No paso da primavera e do outono tamén se pode ver o mazarico galego "Numenius Phaeopus" .

O loureiro “Laurus Nobilis“: Trátase dunha árbore de casca lisa e escura, fácil de recoñecer polas súas fortes e aromáticas follas. Foi moi cultivada polo seu uso como condimento e polas súas propiedades medicinais. Abunda asilvestrada, así como en sebes e nos bordos dos camiños.

A leituga de mar “Ulva Rigida“ : No litoral galego utilizáronse dende sempre as algas para aboar os campos e para alimentar ao gando. A leituga de mar é a máis empregada pola súa abundancia. Ten unha cor verde brillante que ás veces torna amarela pola acción do sol. Grazas á súa recollida na enseada, as especies animais que viven baixo o lodo e na area non morren asfixiadas.

 

Descrición da ruta

Iniciaremos a ruta na praia das Saíñas. Fronte a nós, detrás do polígono de bateas, atópase O Grove, á nosa esquerda o istmo da Lanzada e á dereita a illa da Toxa.

Tanto nesta praia como na seguinte, Fontiñas, atoparemos gran cantidade de algas e de cunchas de moluscos. Ao fin da praia de Fontiñas, teremos que continuar pola beira rochosa ata adentrarnos nun bosque de piñeiros e eucaliptos. Pouco despois chegaremos a unha pista asfaltada que nos levará de novo ao litoral. Á nosa dereita deixaremos os restos dunha antiga fábrica de tellas. Atoparémonos entón ante O Bico da Ra, un dos puntos máis importantes da enseada para o descanso das aves durante a preamar nos meses de inverno que adoita estar poboado por garzas, garzotas e gran cantidade de limícolas. Cabe destacar a vexetación presente, adaptada a vivir no medio salobre do litoral.

Avanzaremos pola costa ata o final da praia de Pereiro, que é un espléndido punto de observación de aves que se alimentan na zona do Couto. Xa de volta, no seguinte tramo, teremos que prestar especial atención xa que camiñaremos por unha estrada desde a que se poderá observar unha boa panorámica da enseada.

Saíndo desta estrada cara ao litoral pasaremos de novo polas praias de Fontiñas e Saíñas, e poderemos comprobar a subida ou baixada da marea.

LEMBRE

  • Leve calzado adecuado para camiñar.

  • Uns prismáticos e unha cámara fotográfica farán máis interesante a excursión.

  • A súa colaboración é precisa para a conservación da natureza. Non arroxe lixo, non dane as plantas nin moleste aos animais.

MÁIS INFORMACIÓN

  • Oficina de Turismo de Cambados  Tlf.: (+34) 986 520 786

     

  •