A vila de Cambados é coñecida sobre todo por ser a Capital do Viño Albariño, pola súa excelente gastronomía, polo seu incomparable Conxunto Histórico Artístico, pola amabilidade e familiaridade das súas xentes... pero Cambados é moito máis: é tempo de lecer, de traquilidade, de relaxación e de festa.

Aquí podemos ver algunhas das propostas que nos ofrece a fermosa vila:

-Paseo Marítimo: O paseo marítimo de Cambados, é moi frecuentado polos cambadeses e turistas, camiñando ou en bicicleta. Percorre, en aproximadamente dous quilómetros, a costa das tres antigas vilas de Fefiñáns, Cambados e San Tomé. Nun extremo do paseo atopámonos co Muíño de Mareas da Seca, que tiña a peculiaridade de funcionar coa subida e a baixada do mar, e no outro extremo do paseo, o precioso barrio mariñeiro de San Tomé, onde as vistas son inmellorables. Así, podemos ver a illa da Toxa, a península do Grove, e ao fondo podemos contemplar as bateas, a illa de Arousa e a belísima ría de Arousa, a máis grande e produtiva das rías Baixas.

 

-Porto deportivo: Cambados conta cun pequeno porto deportivo que goza das comodidades que require a práctica de deportes náuticos.

-Rutas en Kaiak: Desde o porto de San Tomé, realízanse rutas en kaiak pola costa de Cambados durante os meses de verán. Son, sen dúbida, moi interesantes e tranquilas, para gozar das vistas que nos ofrece a ría. Ideal para realizar en familia, parella ou grupo de amigos. Estas rutas inclúen servizo de guía cunha monitora especializada. (máis información)

 

-Miradoiro da Pastora: Subindo as escaleiras ao monte da Pastora, atopámonos cun pequeno parque infantil, unha pequena fonte de auga potable, un cruceiro e a capela da Pastora, onde se celebra anualmente a romaría dedicada a esta virxe. Detrás da capela, temos un merendeiro, ideal para pasar unha tranquila xornada de pícnic. Continuando o paseo atópase o punto máis alto, de aproximadamente 60 metros, onde se sitúa a pedra do Calvario, que ofrece unha fermosa vista panorámica da ría de Arousa, o río Umia e a impresionante zona de viñedos.
Conta a lenda que neste punto, o demo quixo tentar a Cristo e mirando ao horizonte díxolle:
"Si postrado me adorares, todo cuanto ves te daré, menos  Fefiñanes, Cambados y Santo Tomé"

-Pavillón polideportivo O Pombal: Os amantes do deporte atopan aquí unhas excelentes instalacións para a práctica de deportes a cuberto, tales como  baloncesto, balonmán, voleibol, etc... e un ximnasio, ao que se pode asistir de forma libre ou mediante clases con monitor. Todo isto, lévase a cabo mediante bonos mensuais ou diarios. Na zona exterior, atópase a pista de atletismo e 3 canchas de tenis. Estas actividades son gratuítas, aínda que é recomendable facer a reserva con anterioridade.

-Piscina municipal: Situada no pavillón polideportivo de O Pombal, conta cunhas modernas instalacións que albergan a piscina climatizada, con cuberta corrediza adaptable á climatoloxía. Ofrécense cursos de iniciación, perfeccionamento ou simplemente a posibilidade dun agradable baño.

-Auditorio Municipal:  Acolle numerosas actividades culturais ao longo de todo o ano, como obras de teatro infantís e para adultos, monólogos, pequenos concertos... ademais de cursos e congresos.

-Centro Cultural A Merced: Nestas dependencias sitúase a oficina da OMIX do Concello (Oficina Municipal de Información Xuvenil), que se encarga do desenvolvemento de actividades de tempo libre e a organización de cursos durante todo o ano.

-Biblioteca Municipal Luís Rei:  Sitúase nunha fermosa casa restaurada do s. XIX onde os seus usuarios poden gozar da prensa diaria, a lectura de libros, do estudo e consulta de manuais e enciclopedias. Ademais conta con wifi e unha sala de acceso a internet, actividades e obradoiros infantís, e unha tranquila zona axardinada.

-Sala de Exposicións Pazo Torrado: Situado na rúa Príncipe, este antigo pazo do s. XVIII, foi adquirido polo Concello e utilízase na actualidade como sala de exposicións temporais. As mostras son principalmente de pintura, escultura e fotografía. 

-Salón de Congresos e Exposicións José Peña: Esta antiga fábrica conserveira ten unha pequena parte musealizada onde se recrea a historia da conserva en Cambados e a importancia da conserveira Peña. Conta cun salón principal, onde se levan a cabo distintos congresos ao longo de todo o ano, así como actividades infantís, concertos, monólogos,  "parties" informáticas ou, durante a Festa do Albariño, o espazo profesional de cata "O Tunel do Viño". Tamén conta cunha Sala de Catas e Degustacións, que se utiliza para cursos específicos.

-Servizo de Guías Turísticos: Este servizo lévase a cabo durante os meses de verán, ou o resto do ano con cita previa, por guías oficiais da Xunta de Galicia. O punto de saída é na praza do consistorio, no centro da vila. A ruta realízase camiñando polo conxunto histórico de Cambados e ten unha duración aproximada de dúas horas. Durante o percorrido ofrécese un acompañamento ao visitante, para coñecer de primeira man a cultura e a historia da vila. Información e reservas nos teléfonos: (+34) 636 788 152 // (+34) 630 272 364

-Parques infantís: O concello dispón de diferentes zonas públicas onde os máis pequenos poden gozar das randeeiras, tobogáns, ban-báns... Destacan o situado no paseo marítimo,  o dos xardíns do pazo Torrado, o de San Tomé ou o situado no monte da Pastora.

-Vida nocturna: Cambados é un referente da vida nocturna durante todo o ano na comarca do Salnés. Durante a fin de semana, gran cantidade de xente da comarca achégase á vila do albariño para gozar da zona de tapas, e máis entrada a noite, dos distintos locais, onde poder compartir unha copa agradable no mellor ambiente. Na época estival, coas festas, a diversión está garantida.

-Concertos de verán:  A praza de Fefiñáns convértese en escenario de distintas galas nos meses de verán e de numerosos concertos de música de diferentes estilos. A praza de Alfredo Brañas acolle tamén, actuacións que fan gozar a mozos e maiores, a cambadeses e turistas da vida nocturna da vila. Así mesmo podemos destacar a praza das Rodas ou o parque de Torrado, como emprazamentos habituais da actividade cultural cambadesa.