Cambados é un auténtico museo ao aire libre esculpido en granito, que atesoura un dos conxuntos históricos mellor conservados de Galicia pola infinidade de pazos señoriais, rúas nobres, monumentos, esculturas... Cambados nace da fusión de tres vilas históricas que manteñen a súa autenticidade: Fefiñáns, cun marcado carácter nobre, Cambados cas súas belas prazas, rúas e ruínas de Santa Mariña, e o carácter eminentemente mariñeiro de San Tomé. A unión delas fai de Cambados un lugar único en Galicia.

 

Vila de Fefiñáns

Praza de Fefiñáns: A praza de Fefiñáns está formada polo pazo de Fefiñáns, a arco-ponte, a atalaia Torre da Homenaxe, e pola igrexa de San Bieito, sendo un dos conxuntos arquitectónicos máis fermosos e admirados de Galicia. Antigamente era coñecida como a praza do mercado, pois alí era onde se celebraba semanalmente.

 

 

Pazo de Fefiñáns: Declarado no mes de agosto do 2012 Ben de Interese Cultural o pazo de Fefiñáns comezou a súa construción no s. XVI por mandato de Juan Sarmiento y Valladares, señor de Fefiñáns e conselleiro de Felipe II, a obra terminouna o seu sobriño D. Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns, título concedido por Felipe IV, e o fillo deste D. Fernando de Valladares II Vizconde de Fefiñáns no s.XVII.

Máis tarde, foi transferido por vínculos matrimoniais aos condes de Figueroa.

O pazo  posúe unha clara influencia da arquitectura renacentista italiana, patente sobre todo na composición das súas fachadas. Ten forma de "L" con dous fermosos balcóns circulares de indiscutible beleza, situados a ambos  extremos do pazo. Dous grandes portalóns de acceso, e sobre eles, os escudos das liñaxes familiares, introducidos por D. Fernando de Valladares, embelecen a fachada da espectacular edificación. O lado norte do pazo está adicado a D. Fernando de Valladares e o lado de poñente a D. Gonzalo.

Unha gran torre almeada e unha arco-ponte de traza barroca no extremo norte do pazo, que, antigamente estaba acompañada por outras tres, complementan o conxunto arquitectónico.

Na actualidade, nos baixos do palacio, sitúanse dúas adegas de viño albariño, a adega Joaquín Gil Armada e a adega Palacio de Fefiñanes; esta última foi a primeira que comercializou o viño albariño con marca e etiqueta.

 

Igrexa de San Bieito: Antigo templo románico, remodelado a comezos do s. XV e reedificado no s. XVII por orde de D. Gonzalo de Valladares poñéndoa baixo o patrocinio de San Bieito. Ao igual que o pazo de Fefiñáns foi declarado Ben de Interese Cultural en agosto de 2012.

A fachada e as torres foron construídas en 1784, tal e como demostra unha inscrición situada sobre o arco de acceso.

Os seus elementos máis destacados son os dous campanarios barrocos e o seu interior gótico, onde son de admirar a bóveda principal, as dúas capelas interiores cos sepulcros de D. Gonzalo de Valladares e a súa esposa Dna. María Ozores e Silva, e a capela maior presidida por un retablo barroco.

Dúas figuras de granito coñecidas como os Balboas, ataviadas como guerreiros con maza e escudo, escoltan os enterramentos dos seus señores situados no interior do sacro templo, e protexen simbólicamente a praza e a igrexa.

 

Arco-Ponte: Única ponte en forma de  arco que se conserva das catro que antigamente existían na praza. Eran utilizadas polos nobres do pazo para desprazarse polas distintas dependencias do conxunto, ou para acceder á parte privada que posuían na igrexa de San Bieito.

En 1843, tómase a decisión de tirar eses arcos porque, segundo din, interrompían o paso do mercado semanal que alí se celebraba, así como á xente que viaxaba a cabalo ou aos carros cargados de leña. O responsable desta decisión foi Javier de Zárate y Murga, Marqués de Montesacro.

 

Torre da Homenaxe: Torre-miradoiro do s.XVI. Chama a atención a inscrición que nela se pode ler:

“Conócete a ti mismo. Por semejanza a Dios procede como hechura de su mano. Huye del vicio. Busca la virtud. Aborrece el ocio. Ama el trabajo. No seas soberbio, antes humilde. No mientas porque es la mayor vileza de los viles. Procura los amigos mejores que tú, pues con esto y verdad, secreto y limpieza de alma, nos sucede bien todo. Da lo que pudieres bien distribuido. No olvides los beneficios ni te acuerdes de las injurias si quieres parecerte a Dios. Y advierte que el osar morir da la vida porque los hombres con grandes peligros y trabajos se adquieren. Ama y teme a Dios y atribúyele los sucesos porque no hay otra fortuna”.

 

Museo Muíño de Mareas da Seca: Mandado construír no ano 1622 por D. Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns, na parroquia cambadesa de San Mamede de Corvillón, entre Fefiñáns e Tragove. Ten a peculiaridade de que funcionaba coa subida e baixada das mareas, por iso recibe a denominación de A Seca,  porque a zona interior quedaba en seco coa baixamar, volvéndose a encher coa preamar.

Foi recuperado e restaurado, e desde o ano 2002 forma parte da Rede de Museos do Concello de Cambados.

 

 

Casa Museo Ramón Cabanillas: A casa natal de Ramón Cabanillas é unha pequena edificación mariñeira situada no barrio de Fefiñáns, que foi rehabilitada e transformada en casa museo e aberta ao público o 28 de xullo de 1998.

Aquí naceu en 1876 o "Poeta da Raza " e é aquí onde se levou a cabo a recreación da vida e obra do escritor.

 

Praza das Rodas: Esta praza era antigamente coñecida co nome de praza Diaria, posto que era un lugar no que se podían adquirir produtos frescos, como peixe e verduras diariamente.

Na actualidade, é un lugar de tapeo onde o viño albariño e as boas racións están presentes durante todo o ano.

 

Praza Francisco Asorey: Praza adicada ao escultor cambadés do mesmo nome. Nela  atópase unha réplica de “A Naiciña”, unha das obras máis coñecidas do escultor, feita polo discípulo de Asorey,  Xosé Cao Lata.

 

Pazo de Torrado: Edificado na segunda metade do s. XVIII pola familia Torre de Asadelos, destacan na fachada deste pazo o patín ca porta frontal de granito, os escudos de armas coas liñaxes familiares, e o portal da entrada principal.

Este pazo foi residencia de D. Joaquín Antonio Torrado, alcalde de Cambados e un dos impulsores da resistencia da comarca do Salnés contra a invasión francesa no 1809.

En 1939, e por caridade do seu propietario, inaugurouse no edificio un asilo, pero a falta de espazo provocou o seu traslado ao pazo de Montesacro.

Foi adquirido polo Concello de Cambados e, na actualidade, utilízase como sala de exposicións temporais.

 

 

Pazo de Bazán: Mandado construír por D. Pedro Bazán de Torres, párroco de Cambados, no s. XVII, reconstruído no s. XVIII por Pedro Bazán de Mendoza, sendo residencia do seu fillo Pedro Pablo Bazán de Mendoza, famoso tradutor de Voltaire, e de Luisa Bazán,  bisavoa da coñecida escritora Emilia Pardo Bazán.

Finalmente, foi adquirido na década dos 60 polo Ministerio de Información y Turismo sendo totalmente remodelado para albergar o Parador Nacional de Turismo do Abariño.

 

 

Escultura Francisco Asorey: Peza realizada en bronce por Lucas Míguez en conmemoración do 50 aniversario da morte do escultor no 2011.

Paseo da Calzada: O paseo da Calzada é a unión natural entre as antigas vilas de Fefiñáns e Cambados. Construiuse no ano 1852 con pedras do antigo convento de San Francisco e, posteriormente plantáronse as árbores no 1855.

Con motivo do terceiro centenario do Quixote, cámbiaselle o nome por paseo de Cervantes, pero finalmente, a principios dos 80, volve recuperar o seu nome orixinal.

Neste paseo atópase, dende marzo do 2013 a Oficina Municipal de turismo, que permanece aberta durante todo o ano, e o monumento ao poeta Ramón Cabanillas, esculpido en bronce por Francisco Asorey en 1960 e onde, con motivo da celebración en maio do día das Letras Galegas, realízase unha ofrenda floral por parte dos alumnos dos distintos colexios do concello ao escritor homenaxeado cada ano.

 

 

Vila de Cambados

 

Consistorio: Data do ano 1850, e foi construído nun primeiro momento para albergar o cárcere e o xulgado do partido xudicial de Cambados. As dependencias municipais situábanse nun primeiro momento, noutro edificio na hoxe coñecida como praza de Alfredo Brañas, trasladándose posteriormente á localización actual  no ano 1873. A construción sufriu varias modificacións ao longo dos anos. Na actualidade, as súas dependencias empréganse como oficinas administrativas do Concello e a policía local.

 

Praza Ramón Cabanillas: Cambados, coñecido por ser a Capital do Viño Albariño, situou nesta praza no 50 aniversario da festa do viño, unha estatua de bronce feita polo escultor Francisco Leiro, adicada a Baco, deus do viño na mitoloxía romana.

Pazo de Fajardo ou Salgado: Data do s. XVII, e é unha excelente mostra do que foron e son as casas nobres de Cambados. Destaca a torre almeada da década dos 60, así como distintos escudos das liñaxes familiares, entre os que se atopan os dos Feijoo, os dos Sotomayor, e os dos Figueroa. De entre os personaxes ilustres que pertenceron a esta casa podemos salientar ao monxe Sebastián Jerónimo, bispo de Bos Aires e arcebispo de Santiago de Compostela, e D. Bernardino Rodríguez Fajardo, tenente de artillería.

 

Casa das Cunchas: Construída no s. XIX, destaca a decoración da súa fachada, de claros matices neobarrocos en forma de numerosas cunchas de vieiras.

Praza  Alfredo Brañas: Antiga praza da Constitución, era o lugar onde se atopaba o primeiro edificio do consistorio, ata que se trasladou no ano 1873 á situación actual. Nela atopamos palmeiras centenarias, e no centro sitúase unha fermosa fonte de pedra, labrada polo malogrado escultor cambadés Narciso Pérez. Na actualidade, nesta praza peonil hai varias cafeterías con terrazas moi concorridas pola xente da vila e os seus visitantes.

 

Casa Fariña: Situada moi próxima á praza Alfredo Brañas, a casa Fariña, pertencente ao antigo procurador D. Luís Fariña, ostenta na súa fachada un elegante escudo de armas dos fundadores: os Figueroa, os Valladares, os Sotomayor, entre outros.

Convento de San Francisco (actual igrexa parroquial): Fundado baixo a orde franciscana e posta baixo a advocación da Inmaculada Concepción polo matrimonio natural de Vilaxoán D. Juan Daval e Dna. María Pérez no ano 1588.

Foi convento franciscano, ata que no ano 1835, coa desamortización, a propiedade do edificio pasou ao estado e os monxes tiveron que abandonar o convento.

O edificio converteuse entón en cuartel de milicias urbanas do primeiro batallón do Salnés, e posteriormente en escola e en cárcere. Finalmente foi demolido e as pedras das cortes e outras dependencias utilizáronse para o dique do paseo da Calzada, para a alameda de San Tomé e para empedrar a rúa que dá acceso ao convento, hoxe en día rúa Padre Peña.

O templo sustituíu á antiga igrexa parroquial de Santa Mariña. No seu interior atópanse os enterramentos dos seus fundadores D. Juan Daval e Dna. María Pérez, sendo de estilo gótico mariñeiro, presenta tamén trazos renacentistas. Consta dunha soa nave con dúas capelas con bóvedas de crucería no lado do Evanxeo.

Destaca a fachada con multitude de representacións, cinco chagas  franciscanas, as figuras de Adán e Eva, cada unha delas situadas dentro dunha cuncha, as representacións dos fundadores en posición orante e o escudo dos Figueroa.

Tamén podemos ver unha cruz xunto a porta de acceso á igrexa, que é unha homenaxe a José Antonio Primo de Rivera e aos caídos no bando nacional durante a guerra civil.

 

Casa dos Fraga - Biblioteca Municipal: A Casa dos Fraga é unha fermosa edificación de finais do s. XIX, que ocupa os terreos onde probablemente se situaba a parte do claustro do antigo convento de San Francisco.

Foi adquirida polo Concello de Cambados no ano 2005 e completamente rehabilitada para así, no 2010, abrir as súas portas como a nova Biblioteca Municipal.

Nos seus xardíns atopamos ademais varias esculturas, como un busto de Cervantes ou un libro de grandes dimensións con versos de Cabanillas.

Na actualidade, a biblioteca municipal conta con máis de 3000 socios, pois é un lugar ideal para ler, estudar, navegar pola rede ou participar nas variadas actividades que aquí se realizan: contacontos, obradoiros creativos, presentacións literarias...

 

 

Pazo de Ulloa: Tamén coñecido co nome de "A Casa dos Pazos" ou "Pazo Quintanilla". Foi construído no soar que ocupaba a antiga morada de D. Lope Sánchez de Ulloa pola súa filla Dna. María Sanchez de Ulloa, sendo residencia dos seus fillos D. Diego de Acevedo, militar, e D. Alonso Fonseca III, arcebispo de Santiago e de Toledo e un dos impulsores da Universidade de Santiago de Compostela.

O edificio sufriu varias reformas ao longo dos anos, efectuadas polos distintos propietarios como a Casa de Alba ou o Marqués de Riestra.

Chama a atención o escudo de armas, posto que ten a peculiaridade de atoparse ladeado, no que aparecen as linaxes familiares dos Acevedo, os Ulloa, os Fonseca e os Castro.

Fronte a este pazo pódese ver un cruceiro.

 

 

Casa Ricoi - Museo Etnográfico e do Viño: Antiga casa reitoral do s. XVI, pasa a formar parte da Rede de Museos do Concello de Cambados en 2001, sendo o primeiro museo desta temática en Galicia, e un dos primeiros en  España. O museo componse de dous edificios, a antiga casa reitoral, onde atopamos información sobre a historia do viño, e mediante unha pasarela de cristal adentrámonos na nova edificación coa sala de viticultura, a sala de investigación, a sala de vinificación... tamén dispón dunha sala de exposicións temporais onde ademais teñen lugar distintos cursos ao longo do ano, como os da UNED no verán, e no exterior, podemos ver a mostra escultórica de arte contemporánea "Loureiro", formada por unhas grandes copas de viño en pedra, obra do escultor Manolo Paz. Tamén conta con biblioteca e tenda.

 

Ruínas de Santa Mariña Dozo: Situada aos pés do monte da Pastora, nas inmediacións dun antigo castro, atópanse os restos da antiga igrexa parroquial de Santa Mariña, patroa de Cambados.

Sobre unha capela románica do s. XII, D. Lope Sánchez de Ulloa construíu a igrexa de Santa Mariña Dozo, que foi restaurada e ampliada pola súa filla Dna. María de Ulloa a finais do s. XV.

De estilo gótico mariñeiro, presenta tamén trazos renacentistas. Consta dunha soa nave dividida por catro arcos transversais románicos, cinco capelas laterais, sacristía e capela maior. No seu interior destaca a decoración con bolas sobre os arcos e capelas. Nun destes arcos está representado un dos sete pecados capitais, "a preguiza". Nas capelas sobresaen as iconografías en relevo con escenas bíblicas, tales como a Visitación, Cristo e os Apóstolos, a expulsión do paraíso ou os pecados capitais.

Foi desteitada e abandoada por motivos políticos e relixiosos no s. XIX, trasladando a igrexa parroquial á igrexa do antigo convento de San Francisco, máis céntrica. Finalmente utilizouse como cemiterio parroquial.

Os seus restos foron declarados Monumento Nacional no ano 1943 e albergan hoxe en día "o máis melancólico camposanto do mundo" en palabras do escritor Álvaro Cunqueiro, gran admirador da vila cambadesa.

Dende decembro do 2013 e, tras o 70 aniversario como Monumento Nacional, o Concello de Cambados conseguiu a inclusión das Ruínas de Santa Mariña Dozo na prestixiosa Asociación de Cemiterios Singulares de Europa (ASCE), sendo así, o primeiro cemiterio da provincia de Pontevedra en pertencer a este selecto grupo, e é o cuarto da nosa Comunidade Autónoma, tras o Cemiterio de San Amaro da Coruña, o Cemiterio Inglés de Camariñas e o Cemiterio de Lugo.

Santa Mariña Dozo abre, a partir de agora, unha nova canle de promoción e difusión do noso patrimonio, a través desta rede que agrupa 22 países e 179 cemiterios europeos tan significativos como as Catacumbas de Roma, o Père-Lachaise de Paris ou o Zentralfriedhof de Viena.

 

 

 

 

Ermida da Pastora: Situada no monte da Pastora, moi próxima ás ruínas de Santa Mariña. Foi construída a finais do s. XVI por Juan Fariña, notario da vila, e posta baixo a advocación do Bo Xesús e a Virxe das Neves, posteriormente substituída pola da Pastora no s. XVIII. Acolle no seu interior a imaxe sedente da santa, artisticamente meritoria e de valioso policromado.

 

 

Rúa Hospital: Fermosa rúa peonil que une o centro de Cambados coa vila mariñeira de San Tomé. Nesta rúa podemos atopar o pazo de Moltó, a capela do Hospital e a capela de Santa Margarida.

 

Pazo de Moltó: Foi mandado construír polos señores de Bazán e por Alonso Troncoso y Sotomayor. Era un antigo Hospital Real do s. XVI que alberga na actualidade unha cafetería e un afamado restaurante cunha estrela Michelín.

 

Capela de Santa Margarida: Antigamente coñecida co nome de capela de San Roque, formaba parte do pazo pertencente á familia dos Abraldes, desparecido no s. XVIII e do que só quedou en pé a capela. Fronte a ela podemos ver un cruceiro, elemento típico galego.

 

 

Vila de San Tomé

 

Salón de Congresos e Exposicións José Peña - Museo Fábrica José Peña: O Salón de Congresos e Exposicións José Peña foi inaugurado o 25 de marzo de 2011, e encerra nos seus muros case un século de historia. O nome que se lle deu é o do fundador da conserveira e ex alcalde de Cambados José Peña Oubiña.

O edificio foi completamente restaurado e pódese dividir a súa utilidade en tres partes. Dúas delas sitúanse na primeira planta. Por unha banda, a parte máis espazosa utilízase na actualidade para múltiples actividades, como congresos, concertos, monólogos, actividades infantís, "parties informáticas" ou " O Tunel do Viño", espazo profesional de cata durante a festa do viño albariño. Por outra banda, conta ca parte adicada a museo, no que podemos atopar o antigo despacho de Jose Peña, así como maquinaria que se utilizaba para enlatar os produtos que elaboraban, e información en diferentes paneis sobre a historia da antiga fábrica e do sector da conserva en Cambados.

Na segunda planta do edificio, atópase a Sala de Catas e Degustacións, que se emprega para cursos específicos e showcookings.

 

 

 

 

Museo Casa do Pescador: Antiga casa mariñeira, coñecida popularmente como casa Jovita, foi reformada na súa totalidade e desde setembro do 2005 alberga o museo Casa do Pescador, pasando a formar parte da Rede de Museos do Concello.

Nel, atopamos artes de pesca e marisqueo, información do día a día dun mariñeiro, así como dos seus costumes, e como eran as súas casas, os elementos de construción, distribución, etc.

Tamén podemos atopar información sobre as especies que se capturan na zona.

Os contidos da casa museo están distribuídos entre a zona de exposición, os sistemas de información interactiva a través das pantallas táctiles e distintos vídeos explicativos sobre o mar na ría de Arousa, o marisqueo, e o mar en Cambados.

 

 

Pazo de Montesacro: D. Diego de Zárate y Murga , I Marqués de Montesacro por decreto de Felipe V, construíu na vila de San Tomé o pazo de Montesacro no s. XVIII, ao estilo barroco da época.

Destaca na súa fachada o elegante escudo de armas dos Zárate y Murga, timbrado pola cruz de Santiago, e a coroa do marqués, da cal sae un brazo esgrimindo unha espada.

En 1937, a esposa do VIII Marqués de Montesacro, Dna. Juana María Grisone, ao quedar viúva e sen fillos, decidiu vender o pazo. Nun primeiro momento a compra ía a realizala o empresario cambadés D. Manuel Otero, pero finalmente optou por cedela ás "Hermanitas de la Caridad"  para que puidesen ampliar o asilo que naquel momento estaba  no pazo de Torrado.

O pazo de Monstesacro foi entón completamente remodelado, pasando a ser residencia de maiores.

 

 

 

Capela da Valvanera: Pertence ao pazo de Montesacro, e foi construída ao mesmo tempo que estoutro no s. XVIII. É de carácter semipúblico e nela venérase á virxe da Valvanera, tradición rioxana traída polos Marqueses de Montesacro.

Cabe destacar no seu interior a imaxe sedente da virxe nun magnífico altar barroco, e na súa fachada, a imaxe pétrea da mesma.

 

Torre de San Sadurniño: O descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago a principios do s. IX e o posterior levantamento da catedral, provocaron que xurdisen estas torres de vixía para defender a ría de Arousa e Compostela dos ataques de normandos e viquingos. Construída na antigamente coñecida como a illa da Figueira, en tempo do bispo compostelán Sisnando I, na Alta Idade Media e reparada posteriormente polo arcebispo Xelmírez.

Por medio de fogueiras avisábase da chegada dos piratas á ría. A Torre da Lanzada enviaba o sinal de fume á Torre de San Sadurniño que o remitía  á Torre de Cálogo en Vilanova de Arousa  e esta, á súa vez, llo facía chegar ás Torres do Oeste en Catoira, pondo en estado de alerta e defensa a toda a comarca e a Santiago de Compostela.

Esta torre representa os restos do que antigamente fora unha fortaleza, que sería destruída polos rebeldes Irmandiños, e de novo reedificada por Gómez de Sotomayor ata o seu abandono. Xunto a ela, había unha capela, da que non quedan vestixios, coas imaxes de San Tomé, que lle deu nome á vila, e San Sadorniño, que lle deu nome á torre, conservadas na capela da Valvanera.

Esta defensa contra os ataques dos pobos viquingos e sarracenos valeulle para ser nomeada "Moi Leal Vila" polo rei Fernando II no s. XII, iniciándose entón un período de esplendor que queda reflectido na multitude de pazos que existen no municipio.