SABOROSOS

O sabor dos tomates acabados de coller, logo de medrar nunha terra rica, é difícil de esquecer.
A calidade que atopamos nas verduras e os legumes da Horta de Cambados débese aos beneficios dun microclima especial do que goza a comarca, onde a axeitada combinación de sol e auga consegue a fórmula exacta para que a terra produza os froitos máis saborosos.

 

NUTRITIVOS

 

Os productos da horta, consumidos en cru, son unha gran fonte de vitaminas, minerais, fibra e antioxidantes. O seu consumo diario é unha das principais características da dieta mediterránea, un dos piares da pirámide alimentaria, e contribúe a manter un modo de vida san e equilibrado.

Nunha dieta saudable recoméndase un consumo mínimo diario duns 400 gramos de hortalizas, e sempre é mellor escoller as de tempada.

 

FRESCOS

 

Os produtos da nosa horta son recollidos diariamente nas pequenas explotacións agrícolas espalladas por todo o municipio e distribuídos de xeito inmediato a todo o Salnés. Día a día, dende aquí saen verduras e hortalizas que chegan en óptimas condicións aos mercados e tendas, logo dun proceso de produción baseado no cultivo tradicional galego, que aposta polo coidado da terra sen présas e do xeito máis natural posible, para conseguir sempre a mellor calidade.

 

Suxestións e trucos de cociña:


-Tomates


 

Para pelar facilmente un tomate, introdúzao uns segundos en auga fervendo e logo en auga fría.
Fágalle logo un corte e verá que fácil sae a pel.
Para maduralos, introdúzaos nunha bolsa de papel cun par de mazás maduras. En dous días estarán listos para comer.

-Pementos de Padrón

Para recoñecer a súa frescura hai que mirar o estado do talo. Se é verde e firme, o pemento acaba de ser recollido.
Na casa, é bo gardalos na neveira dentro dunha bolsa de plástico perforada, e durarán ata 15 días.

-Feixón

A mellor época para consumir feixón é na primavera e no verán.
Recoñecerá os máis frescos pola súa cor verde intensa e a súa firmeza. Se ao tentar partir un ve que se dobra sen romper, saberá que non está fresco.

-Leituga

Sabía que as follas externas de leituga son as que gardan maior cantidade de vitaminas e minerais?
Para conservala na casa, un bo truco é gardala nun envase de plástico e engadir unha manchea de garavanzos, que absorberán a humidade e farán que a leituga dure moito máis.