En Cambados, ao igual que en toda Galicia e principalmente durante os meses de verán, teñen lugar gran parte das festas tanto relixiosas como profanas, que soen mesturarse coas exaltacións gastronómicas, debido ao grande atractivo e á variedade da cociña galega. Por iso, as romarías e festexos populares son a escusa perfecta para enchouparse da cultura, lendas e tradicións das xentes galegas, para participar do seu folclore, á vez que gozamos dos suxestivos praceres dos seus pratos e produtos típicos.

Dado que non hai lugar, por moi pequeno que sexa, no que non se escoiten, nalgún momento do ano, os fogos de artificio, as gaitas, as bandas de música e as orquestras, resulta imposible mencionar, e sobre todo poder asistir, a todas e cada unha delas. Por iso, trataremos de subliñar as máis destacadas e suxerentes.

Así, e seguindo o curso marcado polo calendario, podemos comezar o 10 de xullo, festividade de San Cristovo, na que destaca a procesión de automóbiles percorrendo a vila, engalanados moitos deles de xeito pintoresco para logo seren bendicidos.

O 11 de xullo celébrase San Bieito, modelo das festas nas que se mestura cultura, relixión, folclore, gastronomía... Así, destacan as continuadas misas e a procesión na honra do “Santo Miragreiro”, nas que xentes de todas partes congréganse para veneralo. Ademais, o incomparable marco da praza de Fefiñáns énchese de atraccións, de postos de artesanía, de casetas de rosquillas de anís, xunto coas típicas polbeiras. A festa conclúe, como acostuma ser habitual, cunha gran verbena nocturna.

En Cambados hónrase a San Bieito dúas veces ao ano. O 11 de xullo coñécese como San Bieito de verán, mentres que o 21 de marzo, como San Bieito de inverno.

O 16 de xullo, é o día do Carme, patroa de todos os mariñeiros, polo que é unha data moi sinalada nesta vila pola gran presenza deste colectivo. Cómpre destacar especialmente a procesión marítima, na que multitude de embarcacións ataviadas para a ocasión acompañan á virxe no seu percorrido pola ría. Nestas datas celébrase igualmente a Exaltación Gastronómica da Vieira, que tras once anos de celebración foi declarada en novembro do 2013 Festa de Interese Turístico Galego, onde poderemos degustar todo tipo de pratos elaborados con este marisco, un dos máis aprezados e afamados da nosa ría.

O 17 de xullo hónrase a San Antón, patrón da confraría de pescadores, festividade que nunha vila mariñeira como Cambados acada unha enorme relevancia social.

O 18 de xullo é o día da patroa de Cambados, Santa Mariña. As celebracións relixiosas desenvólvense ao longo do día, finalizando cunha vistosa procesión na que a virxe é levada  polas principais rúas da vila, acompañada de gaiteiros e bandas de música.

En torno ao 20 de xullo ten lugar, no barrio mariñeiro de San Tomé, a festa de Santa Margarida, na que se ofrece unha degustación de balde de mexillóns, pan de millo, sardiñas e viño tinto.

Durante a primeira semana do mes de agosto ten lugar a exaltación gastronómica máis importante da vila de Cambados: a ” Festa do Viño Albariño”, declarada de Interese Turístico Nacional.

O que comezou como unha reunión de amigos en 1953, é hoxe unha das máis importantes citas dentro das festas dedicadas á vitivinicultura en España.

A esmorga organízase nos arredores do paseo da Calzada, onde decenas de casetas acollen as adegas máis destacadas da zona, que poñen á disposición do público os seus viños albariños a prezos populares para a ocasión. Próximas a elas sitúanse as carpas gastronómicas onde se serven gran variedade de produtos típicos para acompañar ao viño como empanadas, mexillóns, pementos, ameixas, etc.

Pero a festa non se basea unicamente na degustación, nin tampouco se reduce ao paseo da Calzada. Así toda a vila empápase do sabor da festa e é partícipe dunha morea de actividades e eventos que se levan a cabo nos días que dura a foliada. Cómpre destacar as expresións xocosas que locen as camisetas dos distintos grupos de amigos para deleitar a festividade e posteriormente participan nun concurso de lemas. Xornadas gastronómicas, concertos dos mellores grupos españois e internacionais, ademais de grupos de gaitas, bandas de música e exhibicións folclóricas, competicións deportivas, festivais pirotécnicos... son só algúns dos engados cos que nos podemos atopar. Ademais do nomeamento, cada ano dos novos “cabaleiros” e “damas” do Capítulo Serenísimo do Albariño, que enche as rúas da vila de personaxes de variados ámbitos sociais, políticos e culturais, así como dun nutrido número de confrarías que enaltecen o viño.

O 16 de agosto ten lugar a festa de San Roque. Destaca a procesión, na que a imaxe do santo percorre as rúas da vila nun carro tallado en madeira, acompañado de numerosos nenos vestidos de peregrinos. Os concertos de bandas de música e as verbenas amenizan este día festivo.

Arredor do 20 de agosto ten lugar a festividade da Virxe da Pastora, na que a xente realiza unha peculiar peregrinación ao monte que leva o mesmo nome da virxe, que, ademais de ser un miradoiro excepcional para divisar toda a vila e a ría de Arousa, acolle a capela fundada no s. XVI na que se venera á santa. Esta romaría destaca pola afluencia de visitantes que acoden ao lugar, para gozar dunha comida campestre, onde non pode faltar a típica rebanda de sandía.

O 11 de setembro, e como despedida do verán, ten lugar a festividade da Valvanera no barrio mariñeiro de San Tomé. Dita santa, de orixe rioxana, venérase na capela adosada ao pazo de Montesacro. 

TIPO

MOTIVO

DATA

LUGAR

MERCADO

FEIRA DO MERCADO

MÉRCORES E SÁBADOS

CAMBADOS

RELIXIOSA

SAN ANTÓN

23 DE XANEIRO

VILARIÑO

RELIXIOSA

VIRXE DE LOURDES

11 DE FEBREIRO

CORVILLÓN

RELIXIOSA

SAN VICENTE

22 E 23 DE XANEIRO

OUBIÑA

RELIXIOSA

A CANDELARIA

2 DE FEBREIRO

CAMBADOS

RELIXIOSA

NAZARENO

1º VENRES DE MARZO

CAMBADOS

ROMARÍA

SAN BIEITO DE INVERNO

21 DE MARZO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SEMANA SANTA

DO 20 AO 28 DE MARZO

CAMBADOS

POPULAR

FESTA DA BICICLETA

8 DE MAIO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SANTA CRUZ

5 E 6 DE MAIO

CASTRELO

POPULAR E GASTRONÓMICA

FESTA DO XURELO E DA XUVENTUDE

2 DE JULIO

VILARIÑO

POPULAR

FESTA DO LABREGO

ÚLTIMO DOMINGO DE MAIO

VILARIÑO

RELIXIOSA

SANTA RITA

22 DE MAIO

CAMBADOS

RELIXIOSA

CORPUS CHRISTI

29 DE MAIO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SAN ADRIÁN E SAN ANTONIO

16 E 17 DE XUÑO

VILARIÑO

RELIXIOSA

SAN TELMO

3º SÁBADO DE XUÑO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SAN CRISTOVO

29 DE XUÑO

CASTRELO

RELIXIOSA

SAN CRISTOVO

10 DE XULLO

CAMBADOS

POPULAR

SAN BIEITO

11 DE XULLO

CAMBADOS

RELIXIOSA-POPULAR

O CARME

16 DE XULLO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SAN ANTONIO

17 DE XULLO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SANTA MARIÑA

18 DE XULLO

CAMBADOS

GASTRONÓMICA

FESTA DA VIEIRA

15, 16 E 17 DE XULLO

CAMBADOS

RELIXIOSA-POPULAR

SAN XAQUÍN E SANTA ANA

26 DE XULLO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SANTA MARGARIDA

24 DE XULLO

CAMBADOS

GASTRONÓMICA

FESTA DO ALBARIÑO

DO 2 AO 6 DE AGOSTO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SAN XUSTO E SAN PASTOR

6 DE AGOSTO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SAN MAMEDE

7 DE AGOSTO

CORVILLÓN

RELIXIOSA

CARMEN

13  DE AGOSTO

CORVILLÓN

RELIXIOSA

SAN ANTONIO

9 DE AGOSTO

CORVILLÓN

POPULAR

 FEIRA DE ARTESANIA

12, 13,  E 14 DE AGOSTO

CAMBADOS

RELIXIOSA

O CARME

 13  DE AGOSTO

VILARIÑO

RELIXIOSA

SAN ROQUE

14,15 E 16 DE AGOSTO

CAMBADOS

ROMARÍA

VIRXE DA PASTORA

20 E 21 DE AGOSTO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SAN ROQUE

27 E 28 DE AGOSTO

VILARIÑO

RELIXIOSA

VALVANERA

10 E 11 DE SETEMBRO

CAMBADOS

RELIXIOSA

SAN ROQUE

6 DE SETEMBRO

CASTRELO

RELIXIOSA

SAN RAMÓN

7 DE SETEMBRO

CASTRELO

RELIXIOSA

VIRXE DOS DORES

19 DE SETEMBRO

CORVILLÓN

RELIXIOSA

SAN ROQUE

20 DE SETEMBRO

CORVILLÓN

POPULAR

FESTA DA VENDIMIA

27-28 DE SETEMBRO

CAMBADOS

RELIXIOSA

VIRXE DAS ANGUSTIAS

1ª FIN DE SEMANA DE OUTUBRO

CAMBADOS

POPULAR

FESTA DA COLLEITA

11 E 12 DE OUTUBRO

CASTRELO

Nota: Algunhas datas poden sufrir variacións