Presentarase no salón de actos de ExpoSalnés o libro Política e Economía da Unión Europea, escrito por Tino Cordal, Xulio Pardellas e Celso Cancela, e publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo

Este venres 17 de febreiro, ás 20 horas, presentarase no salón de actos de ExpoSalnés o libro Política e Economía da Unión Europea, escrito por Tino Cordal, Xulio Pardellas e Celso Cancela, e publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Precisamente, os tres autores son profesores na Universidade de Vigo.

Tino Cordal é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, e profesor da Área de Ciencia Política e da Administración. Ten publicado varios libros e numerosos artigos sobre a Unión Europea.

Xulio Pardellas é doutor en Economía e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada. Tamén leva publicado numerosos libros e artigos sobre o proceso de integración europea.

Celso Cancela é profesor contratado doutor de Ciencia Política e da Administración. Ademais, é titular da Cátedra JeanMonnet “Understandingthe EU inthe 21st century”, concedida pola Comisión Europea. Conta tamén con numerosas publicacións sobre a Unión Europea.

O libro que presentan este venres en ExpoSalnés ten como obxectivo ofrecer ao lector unha visión breve, pero con rigor, do funcionamento da Unión Europea dende unha perspectiva multidisciplinar, que implica o enfoque político e institucional, unido ao encadramento económico, coa finalidade de facilitar os elementos e claves básicas para comprender e interpretar as principais actuacións comunitarias. En consecuencia, o libro esta dividido en dúas partes que se corresponden cos obxectivos descritos. A primeira parte (“Política e Institucións Europeas”) analiza a historia do proceso de construción europea e as institucións comunitarias como instrumento fundamental de Europa, intentando ofrecer ao lector o esencial para comprender os procedementos de toma de decisións políticas.

A segunda parte (“Economía Europea”) céntrase na definición e análise dos principios de intervención nos mercados, no desenvolvemento rexional, nas actuacións sobre aspectos sociais e de política exterior, e, finalmente, na construción da Unión Monetaria e no orzamento comunitario. En definitiva, trátase dun libro de estudo e consulta que lles permitirá aos seus lectores achegarse con facilidade á comprensión elemental do conxunto da dinámica europea, así como aos instrumentos económicos, políticos e xurídicos que permitiron e manteñen a garantía institucional do proceso de integración europea.